Este martes temos un encontro para avaliar os vieiros que discorre (e discorrerá) o coñecemento ao abeiro das plataformas tecnolóxicas. A xuntanza vén da man do Consello da Cultura Galega e desenvólvese baixo o seguinte epígrafe: Cultura e comunicación na sociedade en Rede. Debullaranse, polo miúdo, novos modelos e experiencias no ámbito dixital Contarase coa presenza (relatorio inaugural) de Miquel de Moragas, da Universitat Autónoma de Barcelona, experto en semiótica e comunicación de masas, que abrirá quenda de sesións afondando na seguinte cuestión: Interpretar a cultura e a comunicación na sociedade en Rede. A cita, organizada polos profesores Xosé López, Francisco Campos e Manuel Gago, poderá seguirse en directo a través do web da institución.
Como dixemos o leit motiv das sesións será reflexionar acerca do xeito de interactuar e relacionarse cultura e comunicación na sociedade en liña na que vivimos, nestes días, mergullados. Para iso analizaranse algunhas experiencias postas en marcha nestes anos da era dixital, cunha análise dos resultados acadados, ao tempo que se debaterán posibles estratexias para que os proxectos culturais sexan viables e sustentables no novo escenario
Intervirán, amais de Miquel de Moragas, o profesor da Universidade de Málaga Miguel de Aguilera, especialista na cultura dixital e na cultura popular e máis nos seus usuarios a través de fenómenos como os videoxogos ou a música, entre outras áreas. María Jesús Casals, da Universidade Complutense de Madrid, falará de divulgación cultural e científica no contexto actual e exporá situacións de éxito. A sesión da mañá conclúe coa intervención titulada Cultura, comunicación, memoria e movementos sociais na era dixital, a cargo de Jaume Guillamet, da Universitat Pompeu Fabra.
Xa pola tarde, Emili Prado, catedrático de Comunicación Audiovisual e Publicidade da Universitat Autònoma de Barcelona, falará de industrias culturais e redes dixitais. Séguelle Ramón Reig, da Universidade de Sevilla, co relatorio titulado Cultura, comunicación e poder na España actual. A xornada concluirá con Javier Marzal, catedrático de Comunicación Audiovisual e Publicidade, da Universitat Jaume I, que falará de Tendencias da cultura e a comunicación na sociedade en rede.
A comunicación en liña, columna vertebral dunha nova xornada do CCG
Compartir Este Artigo

