Chegan á nosa terra as bitcoins cun caixeiro automático específico. E fano a través da Coruña, que será a primeira localidade galega en acoller un aparello subministrador deste tipo de diñeiro dixital, como lembraremos criptomoedas que tiran proveito da tecnoloxía P2P (peer-to-peer) para operar sen unha autoridade central ou sen a presenza de bancos (non teñen dono, son de deseño público e teñen a fonte aberta). Segundo puidemos saber, a empresa con sede en Xirona, ATMs Bitcoins Exchange, será a encargada de instalar este mércores 27 de abril, no Centro Comercial Marineda City, o devandito dispositivo de compravenda de bitcoins.
Como recordaremos, estas criptomoedas pódense intercambiar de maneira case instantánea por diñeiro tradicional e amosan unha serie de beneficios sobre o diñeiro de tipo tradicional. Por exemplo, non se pode embargar, transmítese decontado e de maneira sinxela (coma un correo electrónico) e é moi difícil de falsificar debido á súa complexidade no cifrado e a estar deslocalizada.
A firma ATMs Bitcoin Exchange foi fundada en xaneiro de 2015 en Xirona co obxectivo de instalar e xestionar caixeiros de bitcoins en todo o territorio estatal, e o caixeiro foi deseñado por unha empresa do mesmo grupo, BTC Fácil. Até a data, a compañía catalá dispón de 17 unidades en España, ás que se sumará o caixeiro da Coruña e outros 4 que instalará en Cataluña, Comunidade Valenciana e Murcia nas vindeiras semanas. Para sabermos máis detalles sobre as tecnoloxías de subministro de diñeiro dixital de ATMs, cómpre visitar o apartado específico da súa web adicado a este tipo de equipamentos. Ademais, a firma habilitou un mapa de caixeiros para saber cal é o que nos queda máis a man.
A Coruña contará a partir deste mércores co seu caixeiro automático de bitcoins
Compartir Este Artigo

