A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou en Lugo na presentación dun obradoiro no marco do Programa ATENEA sobre Confianza e seguridade das mulleres na Rede, que pretende capacitar as mulleres para un uso responsable e seguro en Internet, conciencialas dos posibles riscos que se poden atopar nela e darlles unha serie de recomendacións e consellos para previlos.
Este é o primeiro dos catro obradoiros provinciais que esta semana van desenvolver a Secretaría Xeral da Igualdade en colaboración co Instituto da Muller e para a Igualdade de Oportunidades e as Asociacións de Empresarias de Galicia. A iniciativa conta con 20 alumnas por obradoiro e está cofinanciada polo Fondo Social Europeo.
Estas xornadas están dirixidas a mulleres con coñecementos na Internet e informática a nivel usuario, e a través de diversas actividades as participantes descubrirán conceptos básicos sobre a seguridade na Rede e participarán en casos prácticos que facilitarán a aprendizaxe mediante a reflexión en grupo.
Entre outros contidos, estes obradoiros abordarán a identidade dixital, a reputación en liña, a privacidade ou o uso de ferramentas de seguridade na Internet. Ademais se lles ensinará a crear contrasinais seguros, comprobar a fiabilidade das webs que visitan e configurar adecuadamente o nivel de seguridade do seu navegador. O último bloque estará dedicado aos riscos nas redes e as tecnoadicións, abordando conceptos como a sextorsión, o ciberacoso, o grooming ou a suplantación de identidade.
Unhas xornadas forman a mulleres no uso seguro da Internet
Compartir Este Artigo

