Finalmente celebrouse este martes o encontro fixado polo Consello da Cultura Galega para avaliar en detalle os camiños do coñecemento ao abeiro das plataformas tecnolóxicas. A xuntanza, que se desenvolveu baixo o epígrafe Cultura e comunicación na sociedade en Rede, serviu ante todo para reivindicar a necesidade de garantir que os devanditos camiños estean dispoñibles para todas e todos. Na súa meirande parte, a xornada serviu para defender aquela máxima de que “a cultura debe ser aberta ou non será”. Ou, polo menos, “non será” da mellor maneira posible Ademais, os relatores coincidiron en salientar unha xestión política que entenda a cultura en relación coa comunicación, coa educación e coa sociedade en xeral.
Os relatorios arrincaron coa participación do profesor Miquel de Moragas, da Universitat Autónoma de Barcelona, experto en semiótica e comunicación de masas e, en palabras do CCG, “un dos principais introdutores dos estudos de comunicación na universidade española”. No seu relatorio (Interpretar a cultura e a comunicación na sociedade Rede) defendeu a necesidade de redefinir o concepto da cultura, que emprazou nun intre marcado “polo cambio de paradigma onde xa non importa a difusión, senón a produción de contidos e onde os cambios tecnolóxicos están a intervir nas identidades culturais”. Ao seu xuízo, “as novas políticas deben pensar nun acceso aberto aos contidos; nunha xestión na que a singularidade e a notoriedade, clave para as culturas minorizadas, accedan ao mundo global; nun cambio na execución onde se dilúen as fronteiras entre o local e o global”. Nesa idea afondou o profesor da Universidad de Málaga Miguel de Aguilera, que leva máis de trinta anos investigando no ámbito da cultura dixital, cun relatorio titulado Tomar a cultura dixital en serio.
Tamén interveu na xornada María Jesús Casals, da Universidade Complutense de Madrid, especialista en narrativa xornalística, que sinalou que “a tecnoloxía aumentou a interactividade e a fragmentación de tal xeito que estamos no contexto do fin da comunicación de masas, xa que agora a audiencia é activa e selectiva”. A sesión da mañá rematou coa intervención de Jaume Guillamet, da Universitat Pompeu Fabra, que falou da crise do patrimonio documental.
A sesión da tarde comezou coa intervención de Emili Prado, catedrático de Comunicación Audiovisual e Publicidade da Universitat Autònoma de Barcelona, quen falou de como “as redes dixitais transformaron as industrias culturais, sobre todo no que tiña que ver coa distribución e a relación co usuario”. E engadiu: “As redes mudaron a experiencia de consumo e o xeito no que se accede aos produtos”. Ao seu xuízo, “a converxencia e a complementariedade entre os medios pode ser unha oportunidade para as culturas minoritarias, como tamén o feito de que os usuarios producen e difunden os seus propios contidos”. De seguido interveu Ramón Reig, da Universidade de Sevilla, co relatorio titulado Cultura, comunicación e poder na España actual. Javier Marzal, catedrático de Comunicación Audiovisual e Publicidade, da Universitat Jaume I, puxo remate aos relatorios falando das tendencias da cultura e a comunicación no presente.
Os relatores da xornada Cultura na sociedade en Rede reivindican máis coñecemento sen pechaduras
Compartir Este Artigo

