
Por certo que entre os 19 traballos presentados había tamén outras propostas innovadoras moi destacables, como Cyclope, un sistema alarma que tamén resultou distinguida nos Hack4Good e que serve entre outras cousas para avisar de colisións por alcance no caso de vehículos vulnerables como bicicletas ou cadeiras rodas. O evento, “tras toda unha mañá de presentacións” saldouse coa elección de tres propostas gañadores, que nesta ocasión foron ALMS, HandyHand e NetAlt, que recibiron por parte do Centro Tecnolóxico Gradiant unha achega económica para continuar desenvolvendo o seu proxecto innovador.
Segundo informa a Universidade de Vigo, a maioría das propostas do alumnado tiveron como punto de encontro a calidade de vida, apostaron “por aplicar as tecnoloxías e as telecomunicacións á vida diaria, a facilitar tarefas e optimizar recursos”. Así, varios grupos centráronse no eido da saúde e a seguridade, como Mycarebox (unha caixa de emerxencias sanitarias que mellora a xestión dos medicamentos no fogar), Satea (un sistema de asistencia a persoas con Trastornos do Espectro Autista), Bloodstrapp (unha pulseira para facer seguimento do pulso cardíaco), Handyhand (unha prótese robótica de man), Bumper (un sistema para localización de fochancas) e Cyclope (un detector de perigo de colisión por alcance para ciclistas).
Por outra banda, o fogar e a enerxía constituíron outro dos ámbitos “estrela”, con propostas como Nearfield, que mide a radiación de circuítos electrónicos; Netalt, un dispositivos para medir a calidade do subministro eléctrico; Selfsec, un sistema de videovixilancia remota; Ecocity, un multisensor de baixo custe para o seguimento da calidade do aire ou Cacho, sistema para o control de acceso ás habitacións de hoteis.
Sinalar tamén que a tecnoloxía móbil e a telefonía acapararon igualmente o interese do alumando e presentaron varias iniciativas centradas neste eido, como MasApp, un sistema dirixible para captar audio dende Android; Smart4Old, unha interface gráfica para facilitar o uso do teléfono móbil; BOB, que permite xestionar o móbil por voz dende calquera lugar da casa e ALMS, un sistema de posicionamento en interiores con móbil, que resultou o proxecto gañador.
Nos procesos produtivos centráronse os impulsores de Androgest, unha aplicación para o seguimento en tempo real do proceso intermedio de produción da industria conserveira, mentres que outros dous equipos optaron pola música, un con Hurdytech, un sistema para automatizar a configuración de zanfonas, e outro como Simsau, que permite recrear o son de salas de concerto. Finalmente, a comunicación foi o eido de traballo para os estudantes que están detrás de DPD, unha plataforma para a creación dun diario dixital.
Handyhand obtén novo recoñecemento nos LPRO Days da Universidade de Vigo
Compartir Este Artigo

