RadarPrice é unha das aplicacións actuais que, en palabras dos seus creadores, máis está a revolucionar as tendas, os usuarios e o xeito de relacionarse este con aquelas. O creador desta ferramenta-empresa impulsada dende Barcelona é Daniel Rodríguez, que define esta aplicación para dispositivos móbiles (para iOS e Android) como un recurso de primeira orde para facilitar ao máximo o proceso de compra dun produto: escaneando o código de barras da cousa que queiramos adquirir a aplicación indica en que tenda física ou en liña podemos conseguir o produto en cuestión a mellor prezo. Arestora a app ten rexistrados máis de 21 millóns de produtos.
Os usuarios poden facer comparacións entre máis de 3.000 tendas actualmente incluídas no servizo. Segundo fai saber Daniel, “é posible chegar nalgúns produtos a aforros de ata un 23%”.

A mascota e icona da app é un golfiño que se chama Radi. A idea, engade Daniel, é que o golfiño nos guíe co seu ecolocalizador, “só que no canto de peixes, nos axuda a procurar onde se vende máis barato o produto que buscamos, de calquera categoría, electrónica, supermercado, parafarmacia, beleza, perfumes ou deportes”. RadarPrice e o seu golfiño mesmo localizan cal é a gasolineira máis barata preto de onde nos atopamos.
RadarPrice naceu a mediados de 2015 en Barcelona cun “pequeno investimento inicial”, entre os socios iniciais atópanse Antai a investidora de Wallapop, Risto Mejide e Axel Serena. “Agora estamos a buscar unha segunda rolda de ampliación de capital para situarnos en España e lanzar a versión en países como México, Colombia ou Italia”, engade o director executivo da firma.
RadarPrice xa visualiza os mellores prezos entre máis de 21 millóns de produtos
Compartir Este Artigo

