A Deputación de Coruña deu a coñecer esta semana que a plataforma de préstamo de ebooks da Biblioteca Provincial (Ebookdicoruna) xa foi quen de sumar 400 usuarios no seu primeiro ano de actividade. O sistema, como recordaremos, habilitouse a finais abril de 2015 e, dende decembro do ano pasado, abriuse á incorporación dos socios de todas as bibliotecas da provincia. “Neste tempo”, sinala a Deputación, “un total de 397 usuarios de 18 bibliotecas públicas da provincia déronse de alta no servizo”. Por número de lectoras/es, destacan os socios da Biblioteca Municipal de Ferrol, que conta con 222, máis da metade do total.
A través da plataforma virtual, os 33.749 usuarios rexistrados da Biblioteca Provincial e os milleiros de socios das 146 bibliotecas públicas e puntos de lectura existentes na provincia da Coruña poden (logo de efectuar a o procedemento de inscrición coa conseguinte obtención da clave de acceso) seleccionar lecturas dixitais entre un catálogo de 608 títulos, entre os que se contan boa parte das grandes novidades editoriais en galego e castelán.
Segundo os datos da Biblioteca Provincial, os ebooks máis demandados nos últimos dous meses foron o novo libro de Mario Vargas Llosa, Cinco esquinas; a obra ambientada na Costa da Morte e gañadora do premio Nadal La víspera de casi todo, de Víctor del Árbol, e Nosotros, los de entonces de Marta Rivera de la Cruz. Galicia, Galicia, de Manuel Rivas, Una voz en la noche, de Andrea Camilleri e Irene, de Pierre Lemaitre.
Segundo engade a Deputación facendo fincapé nas vantaxes da plataforma Ebookdicoruna e máis da aplicación homónima para dispositivos móbiles iOS e Android, estas permiten ao usuario seleccionar de balde entre as obras do catálogo ata dous libros durante un período máximo de 21 días, así como efectuar a reserva dun título determinado, no caso de que estea prestado. Por certo que unha vez rematado o prazo, o libro deixará de estar dispoñible nos dispositivos electrónicos. “Este sistema”, explica a organismo provincial, “implica unha manchea de vantaxes para o usuario, que non ten que ir á biblioteca para solicitar o préstamo nin para devolver o libro, e ademais non hai sancións por adiamentos na devolución, permítese compartir contidos en redes sociais e, a maiores, os libros en préstamo están dispoñibles as 24 horas durante os 365 días do ano”. A Deputación tamén salienta que ao abeiro do catálogo existen audiolibros e libros en formato DAISY, adaptados para persoas invidentes ou con dificultades de visión.
A plataforma Ebookdicoruna da Deputación da Coruña xa sumou 400 usuarios
Compartir Este Artigo

