A compañía santiaguesa Televés vén de informar dos seus traballos de implantación en Tailandia dun sistema de distribución de televisión IPTV (Internet Protocol Television, sistema de distribución de servizos de TV con conexións de banda larga sobre o protocolo de Internet) nun dos templos budistas de meirande importancia do país, con capacidade para máis de 100.000 persoas. O templo, un dos máis referenciais centros relixiosos do sueste asiático, está emprazado no norte de Bangkok e ocupa unha parcela de 320 hectáreas. Segundo informa Televés, foi construído nos anos 80 como “un símbolo de paz para a humanidade”.
Para este complexo sobranceiro (tanto a nivel de envergadura e capacidade de convocatoria como no plano espiritual) a firma galega deseñou e implantou unha infraestrutura de telecomunicacións que inclúe distribución de servizos de televisión sobre protocolo de internet (IPTV), puntos de visualización en todo o recinto, circuíto pechado de televisión, megafonía e sistemas de control de acceso. A distribución de contidos inclúe a canle de televisión propio con que conta o templo.
No despregamento dos equipos e sistemas nos edificios do complexo participaron de maneira coordinada os servizos centrais da compañía compostelá e o integrador oficial de Televés en Tailandia, Patararungroj. “Pola especial significación da contorna en que se desenvolveu o proxecto”, explica a compañía, “o proxecto do templo Dhammakaya supuxo para Televés un auténtico reto á súa capacidade para adaptar as súas solucións Hospitality ás necesidades do cliente”.
Televés equipa un macro-templo budista de Tailandia cun sistema de distribución de televisión IPTV
Compartir Este Artigo

