Iralta Films estreou o pasado mes de xaneiro a aplicación para iOS Camino de Santiago 360º, que logo estreou tamén versión para Android, chegando a facerse co recoñecemento de mellor aplicación móbil española na categoría Guía de Destino do concurso The App Tourism Awards 2016 celebrado durante a pasada edición de FITUR en Madrid, pero o galardón pola calidade deste contido non parece terlle valido para facerse notar entre o público, de aí que agora estean a dala a coñecer activamente, de xeito que o vindeiro día 18 a aplicación presentarase publicamente por primeira vez no Centro Riojano de Madrid.
Pero non é preciso agardar á semana que vén para botar un ollo a esta interesante creación audiovisual interactiva dividida en capítulos que podemos reproducir dende o noso smartphone, que permítenos experimentar unha viaxe en primeira persoa a través do Camiño de Santiago. Esta guía interactiva ofrece contidos envolventes que podemos contemplar movendo o teléfono ao noso redor, ou tamén introducíndoo nun casco na liña do cartón de Google (o que facilitará o seu goce aínda máis inmersivo, coma se fose unha experiencia de realidade virtual).
A aplicación (dispoñible na App Store ou en Google Play) é unha mestura entre unha guía interactiva (na que ver imaxes en 360 graos de numerosas ubicacións de interese no Camiño) ata un documental en vídeo que podemos vivir como se estivésemos acompañando aos seus protagonistas (o español Antonio e a neoiorquina Margaret), xa que o vídeo no que podemos ver esta aventura que vai dende Roncesvalles ata Santiago de Compostela está filmado en 360 graos, polo que en todo momento teremos liberdade de visión, o que permite vivir o Camiño de Santiago sen movernos da casa.
Os contidos están estruturados en 9 capítulos, dos que o primeiro é completamente de balde, e o resto véndense a 0,99 euros cada un, aínda que é posible facerse con todos os capítulos por só 2,99 euros, prezo máis que razoable para unha produción de máis de 100 minutos de vídeo interactivo, máis de 30 mapas explicativos, máis de 70 escenas de contidos VR, máis de 60 escenas HD, máis de 10 escenas interactiva de 360 graos con 5 posibilidades de elección, máis de 10 mapas interactivos e máis de 40 escenas de 360 graos con información sobre fitos imprescindibles do Camiño. Sen dúbida un orixinal xeito de ver os San Fermíns de Pamplona, a catedral de Burgos, as calzadas romanas, o Monte do Gozo e ata a catedral de Santiago de Compostela, valéndose dunha solución de realidade virtual de baixo custo como poder ser un smartphone introducido nunhas lentes de cartón.
Tráiler do último capítulo da aplicación
