Entre as novidades coas que o Goberno galego conmemorou a dupla festividade deste 17 de maio (Día das Letras Galegas e Día Internacional de Internet) figura a nova feitura dos seus correos electrónicos, que xa empregan (dende onte martes) oficialmente o dominio .gal. A idea, informa a xunta, foi “cumprir con outro dos fitos previstos na adopción do .gal como dominio de referencia da súa presenza na Rede”. A medida abrangue unha cifra nada desprezable: máis de 18.500 contas de correo electrónico da Administración que deixaron de incluír a terminación “@xunta.es” e que agora amosan o “@xunta.gal”. Ás devanditas contas cómpre engadir 3.500 contas do ámbito xudicial, co que se suman 22.000 enderezos co dominio galego.
“O obxectivo”, sinala o Goberno autonómico, “é que en 2017 todos os portais corporativos e o todas as direccións de correo corporativo, incluídas as do eido da educación e da sanidade, empreguen unicamente o puntogal”.
Esta medida materializouse no Decreto que regula a organización da presenza en Internet da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia e que foi aprobado en maio de 2015 (dende aquela todas as novas iniciativas web da Xunta publicáronse xa co dominio galego). De maneira complementaria arrincou o proceso de migración dos espazos web existentes ao .gal, “que xa está presente en 80 portais corporativos, o 40% total”, explica o Goberno galego, que lembra o Decreto 74/2015 do 13 de maio determina un novo modelo de presenza na Rede para todos os portais institucionais, “que se estruturan arredor de xunta.gal, como porta de entrada a todos os espazos e servizos web sociais e participativos dos organismos e entidades que integran o sector público autonómico”.
Até 22.000 contas de e-mail da Administración xeral galega e da Xustiza incorporan xa o .gal
Compartir Este Artigo

