Esta semana a Deputación de Pontevedra presentou un proxecto que integra as novas tecnoloxías nos procesos propios da investigación arqueolóxica: dende as prospeccións mesmas e o traballo de campo ata a difusión dos resultados. Trátase de Telearqueoloxía e foi dado a coñecer polo deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, co gallo do Dia Internacional dos Museos. O alicerce da proposta é botar man das novas tecnoloxías e os medios audiovisuais para impulsar accións de coñecemento da arqueoloxía da provincia. Diríxese tanto a persoas físicas como a colectivos implicados na posta en valor do patrimonio. Telearqueoloxía compleméntase cun concurso de curtas sobre a dita temática. Este certame previsto para finais de ano coincidirá coa creación das Irmandades da Fala na cidade do Lérez. Na presentación tamén participaron o director do Museo de Pontevedra, Carlos Valle, e a coordinadora do proxecto, Saleta González.
Tanto o deputado como o director do Museo fixeron especial fincapé en salientar a importancia do uso dos formatos dixitais e audiovisuais para promover a investigación e a difusión da arqueoloxía. “O pasado non é nada sen o presente e sobre todo sen o futuro, e hoxe o futuro son as novas tecnoloxías” asegurou Carlos Valle. Segundo engadiron, Telearqueoloxía será un proxecto aberto á participación da cidadanía, ben a través de colectivos, universidades ou concellos, ben a través de persoas físicas relacionadas con este ámbito, como poden ser docentes ou investigadores.
No marco do proxecto, establécense tres fases. A primeira delas, denominada Arqueo-rede, vai encamiñada a crear grupos de traballo. No Grupo Menhir incluiranse as persoas físicas: investigadores, docentes e profesionais do ámbito da historia, da arqueoloxía, das ciencias sociais e da comunicación; e no grupo Dolmen integraranse os concellos, universidades, museos, centros de estudos arqueolóxicos, e asociacións culturais, ambientais e veciñais.
Unha segunda fase, a celebrar ata o mes de outubro, abrangue o desenvolvemento de obradoiros formativos, tanto de investigación arqueolóxica como de vídeo-investigación. Impartirase formación sobre como realizar unha investigación, a través de casos prácticos de investigacións arqueolóxicas, e ensinarase a crear e editar as investigacións e formato dixital. Estes obradoiros desenvolveranse nas sedes do Grupo Dolmen e permitirán a participación de público tanto maior como menor de idade.
Para rematar, entre os días 14 e 16 de decembro, celebrarase o festival audiovisual de curtametraxes de temática arqueolóxica, con dúas categorías. A Categoría Lascas para curtametraxes dun máximo de 5 minutos realizadas por menores de 18 anos; e a Categoría Bifaces para curtametraxes dun máximo de 15 minutos realizadas por maiores de idade. Estableceranse tres premios en cada categoría. As bases estarán dispoñibles nos vindeiros días na web museo.depo.es/telearqueoloxia e a partir da semana que vén está previsto realizar encontros con concellos e organizacións asociativas para explicar polo miúdo o proxecto.
A Deputación de Pontevedra presenta o proxecto Telearqueoloxía
Compartir Este Artigo

