Son os campamentos de lecer e as tecnoloxías compatibles? Non hai dúbida de que si, e se houbese calquera dúbida, nada mellor que atender aos froitos das experiencias levadas a cabo pola Tecnópole en materia de xuntanzas de verán TIC para a rapazada: inzadas de participantes e de oportunidades para formar a nenas, nenos e adolescentes en materias tecnolóxicas que lles van servir (e moito) para o seu futuro laboral. Para incidir neste ámbito o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) vén de abrir o prazo de inscrición para unha nova edición do único campamento tecnolóxico de verán que se celebra en Galicia. Os Tecnópole Technological Workshops (T2W) chegan á súa cuarta cita anual o próximo mes de xullo e a inscrición xa está aberta. Desenvolverase entre o 4 e o 15 de xullo e está encamiñado a dar a acubillo a corenta rapazas e rapaces de entre 12 e 18 anos. O obxectivo? Fortalecer as súas vocacións tecnolóxicas e científicas.
Segundo informa a Tecnópole, “todos os participantes traballarán no desenvolvemento de proxectos tecnolóxicos con diferentes graos de complexidade en función das súas idades”. O programa de actividades abranguerá contidos sobre biotecnoloxía, deseño de aplicacións móbiles e videoxogos, creatividade, biotecnoloxía, etc. Segundo explica a organización dos campamentos este ano “a actividade estrela” será de novo a robótica, á que se suma a programación, con sesións de formación todos os días do campamento.
Aínda que a inscrición está aberta a estudantes de toda Galicia sen restricións, os impulsores da iniciativa lembran que a proximidade xeográfica recomenda a actividade para persoas que residen ou mesmo que pasan o verán na provincia de Ourense.
As actividades do campamento están deseñadas “en función das idades dos participantes”. Porén, explica a Tecnópole, os obxectivos que se perseguen son comúns e consisten “no desenvolvemento da capacidade resolutiva e innovadora e na dinamización da axilidade mental e da creatividade”. Polo tanto, búscase que os participantes adquiran novos coñecementos tecnolóxicos e, tamén, potenciar neles actitudes como o respecto mutuo, a colaboración e a socialización, “xunto con habilidades relacionadas con falar ben en público e a práctica do inglés”.
Por certo que as persoas encargadas de impartir os contidos e as actividades a desenvolver son profesores-monitores expertos en didáctica da ciencia e da tecnoloxía e no resto das materias que se van desenvolver ao longo desta nova edición da academia. A metodoloxía educadora será, en palabras da organización, “dinámica, participativa, flexible, integradora e adaptada a cada tipo de idade”.
Ademais, co fin de fomentar o espírito colaborativo e o intercambio de coñecemento e habilidades, as actividades desenvolveranse en equipo e mediante a formación de grupos de rapaces da mesma idade. Por outra banda, botarase man de feituras, metodoloxías e técnicas propias do xogo, buscando “potenciar a creatividade” e tentando impulsar as emocións e experiencias persoais. Durante o campamento os participantes practicarán actividades deportivas en equipo ao aire libre. Ademais, a rapazada recibirá educación ambiental, practicará o inglés cunha profesora nativa durante a hora da comida e terá oportunidade de afacerse a hábitos de alimentación saudables.
O custo por participante será de 290 euros con todo incluído, dende o transporte dende varios puntos da cidade de Ourense ata a comida e todas as actividades. A preinscrición está xa aberta na web t2w.tecnopole.es.
Robótica, biotecnoloxía e deseño de apps e xogos, eixes dos novos campamentos da Tecnópole
Compartir Este Artigo
