Hai tres anos o xigante xaponés do comercio electrónico, Rakuten, desembarcou en España como unha alternativa a Amazon, principalmente na súa vertente de marketplace, ou sexa, converténdose nunha das tendas de tendas máis importantes, facéndose moi célebre polas súas numerosas promocións nas que era habitual ver descontos dun 10 ou 15% en produtos de electrónica de consumo, de xeito que en numerosas ocasións esta plataforma en liña tivo as mellores ofertas do mercado, pero esta política de descontos agresivos para gañar presenza parece ter saído cara, e agora anuncian unha reestruturación estratéxica en Europa, que suporá o peche das versións británica e española da tenda en liña, con sedes físicas en Cambridge e Barcelona respectivamente.
Pero non se trata do abandono de Rakuten do mercado español, senón que a compañía potenciará as súas plataformas en Alemaña e Francia, onde conseguiron un crecemento sustentable e con potencial para continuar a medrar.
O cese de actividade de Rakuten.es está previsto para finais do mes de agosto, advertindo así con tempo dabondo para xestionar o peche con traballadores, vendedores e clientes. Cómpre salientar que o peche da tenda en liña non supón o abandono do resto de liñas de negocio da compañía, de xeito que o servizo de mensaxería Viber continuará a funcionar con normalidade, como tamén fará a plataforma de vídeo baixo demanda Wuaki, que está en pleno proceso de expansión internacional.
Rakuten.es botará o peche en agosto
Compartir Este Artigo
