Unha das redes de blogs máis populares dos EE.UU., Gawker Media, que aparte do polémico blog colaborativo Gawker tamén posúe medios tan coñecidos como os tecnolóxicos Lifehacker e Gizmodo ou a que posiblemente sexa a páxina web especializada en videoxogos máis popular a nivel global, Kotaku, non está a pasar por un bo momento, principalmente por mor da sentenza xudicial en contra pola publicación en 2012 en Gawker.com dun breve vídeo no que podía verse ao célebre Hulk Hogan practicando sexo cunha muller casada, que finalmente un xurado considerou que vulneraba a intimidade de Hogan e ordenaba o pagamento de 140 millóns de dólares en danos, dos que 10 millóns terían que ser aboados persoalmente polo fundador da empresa, Nick Denton, quen rexeitou atender ás distintas peticións de eliminación do contido argumentando que a Primeira Emenda o protexía.
O longo xuízo de Hogan contra Gawker Media foi posible grazas a un dos fundadores de PayPal, o multimillonario Peter Andreas Thiel, quen financiou os gastos xudiciais desta xigantesca demanda que empregou como arma nunha cruzada persoal que ten contra Gawker (por telo sacado do armario en 2007).
A sorpresa agora é maiúscula pois, aínda que dende Gawker Media apelaron a decisión xudicial, optaron por saír á palestra a dicir que non pagarán a indemnización que deben a Hulk Hogan, e para evitar facer tal optan por presentar a bancarrota da compañía.
A compañía tiña unha valoración de entre 250 e 300 millóns de dólares antes da sentenza xudicial na súa contra, polo que agora confían que que sometidos á protección de bancarrota poidan vender a empresa a outros editores e, de feito, Vivek Shah, director xeral de Ziff Davis, manifestou non só o seu interese en facer tal, senón que asegura ter pechado un acordo para facerse con todas as cabeceiras de Gawker Media, aínda que todo dependerá do desenvolvemento do proceso de poxa que terá lugar a finais de xullo.
Vivek asegura que precisamente Gizmodo, Lifehacker e Kotaku son os medios que máis interesan a Ziff Davis para fornecer o seu catálogo de publicacións sobre tecnoloxía e videoxogos (entre as que figuran medios como IGN e PCMag), aínda que que o resto de cabeceiras tamén facilitará unha mellora de posición da súa editora noutros ámbitos.
Gawker Media entra en bancarrota
Compartir Este Artigo
