O programa de televisión norteamericano The Tonight Show, presentado por Jimmy Fallon, contou coa presenza do presidente dos EE.UU., Barack H. Obama, quen realizou comentarios sobre o seu uso da tecnoloxía que ilustran claramente o cambio dos últimos oito anos, xa que era notable que Obama era unha persoa moi tecnolóxica e, de feito, foi a primeira persoa no Despacho Oval cunha BlackBerry, e admitiu que non foi ata este mesmo ano cando deixou de empregar teléfonos do fabricante canadense.
Obama incluso admitiu sentirse ridículo cando vía que nos últimos anos era a única persoa que seguía cargando cunha BlackBerry, que durante moito tempo era a única opción dentro do mercado dos smartphones que podía adoptar un mandatario político por motivos de seguridade, pero hai bastante tempo que tanto iOS como Android chegaron a eses niveis de confianza.
De todos os xeitos, a substitución da BlackBerry de Obama por outro terminal non supuxo que o presidente norteamericano puidese pórse ao día en tecnoloxía, xa que por motivos de seguridade o seu smartphone non permite facer fotografías, realizar chamadas, mandar mensaxes de texto, reproducir música… “basicamente é como un deses teléfonos de xoguete para nenos de 3 anos”.
Aínda que pareza que estamos ante unha simple anécdota graciosa, este tipo de manifestacións públicas deixan claro que BlackBerry xa non é a plataforma de comunicación líder en contornos seguros que era no pasado, e aínda que ofrece servizos para terminais doutros fabricantes, a súa situación está moi lonxe do desexable por unha mala reacción á revolución dos smartphones, que curiosamente se desenvolveu durante o mandato de Obama.
Fragmento do programa televisivo no que o presidente dos EE.UU. fala do uso de smartphones
