
ECSO, explica Gradiant, traballará directamente coa Comisión Europea para mellorar a política industrial de Europa en materia de ciberseguridade, centrándose na innovación e seguindo un plan estratéxico de I+D. Este partenariado público-privado axudará a crear confianza entre os Estados membros, actores industriais e usuarios finais, mediante o fomento -de abaixo cara arriba- da cooperación estratéxica e a construción dun mercado sólido, harmonizado e competitivo para a ciberseguridade en Europa a través de diversos sectores como enerxía, transporte, saúde ou finanzas.
No acto formal de sinatura do acordo (protagonizado polo vicepresidente para o mercado único dixital, Andrus Ansip e o comisario de Economía Dixital e Sociedade, Gunther Oettinger) reuníronse representantes de alto nivel de ECSO, membros de 48 organizacións públicas e privadas de ata 14 países diferentes. A sinatura foi precedida por un breve intercambio de puntos de vista entre o comisario Oettinger e os participantes. Este engadiu que “Europa precisa alta calidade” e que se abre con este partenariado “unha gran oportunidade para a nosa industria da seguridade cibernética de competir nun mercado de rápido crecemento global”. Oettinger fixo un chamamento aos Estados membros da UE e aos corpos de seguridade estatais para fortaleceren a cooperación e axuntar os seus coñecementos, recursos e experiencia para “aumentar a seguridade cibernética de Europa”. Na súa opinión, a asociación asinada hoxe coa industria marca un fito en materia de protección das redes e da información.
Luigi Rebuffi, pola súa banda, sinalou que a sinatura desta alianza coa Comisión Europea representa un paso fundamental na cooperación público-privada para o progreso da I+D en ciberseguridade e o medre dunha industria TIC competitiva. Segundo engadiu (co fin de amosar os bos agoiros cos que xorde esta iniciativa conxunta), ECSO é “unha organización de rápido crecemento que xa recibiu máis de 120 solicitudes de adhesión, proba do compromiso a prol do desenvolvemento cooperativo dos axentes de seguridade cibernética para impulsar un mercado sustentable en Europa garantindo a autonomía dixital e contribuíndo aos obxectivos do mercado único dixital”.
O acordo de colaboración público-privado, engadiron, baséase en plans de traballo para as actividades de I+D que son o resultado “dun proceso de consulta aberta e que foron avaliados positivamente pola Comisión Europea coa axuda de expertos independentes”. Apoiarase ademais na Axenda Estratéxica de Investigación nas TIC e nas comunicacións seguras, desenvolvida pola Plataforma NIS e publicada en setembro de 2015.
Orixe da ECSO
Lembrar que o 20 de xaneiro de 2016 levouse a cabo en Bruxelas un workshop sobre o contrato de asociación público-privada entre a Comisión Europea, os Estados membros e a industria da seguridade cibernética, no marco do cal se deron os primeiros pasos para constituír a ECSO (Asociación para a Ciberseguridade en Europa). ECSO, da que como dixemos Gradiant é membro fundador, é unha organización paneuropea de grandes empresas, PEME, start-ups, centros tecnolóxicos, universidades, usuarios e operadores, asociacións, clústers, países e administracións públicas rexionais e locais dos países membros. ECSO é unha asociación sen fins de lucro totalmente autofinanciada (ASBL) e suxeita ao marco regulamentario belga e europeo.
A industria e os gobernos europeos xuntan forzas a prol da ciberseguridade
Compartir Este Artigo
