Hai 5 anos a Policía Nacional anunciou ter desarticulado “a cúpula da organización hacktivista Anonymous en España”, detendo a 3 dos seus supostos responsables en Barcelona, Valencia e Almería, declaracións moi criticadas na Rede por considerarse ridículo que se asegure de cúpula cando Anonymous é unha organización horizontal e descentralizada (polo que non existen cargos ante os que poder tomar medidas de ningún tipo). Tampouco contribuíu á imaxe cos corpos de seguridade do Estado que o comisario da Brigada de Investigación Tecnolóxica aparecese en rolda de prensa amosando unha máscara de V de Vendetta (o que converteuse en todo un meme de Internet).
Pasado este tempo confírmanse os comentarios realizados no seu día, e a operación policial acusada de ser unha chapuza confírmase como tal, e o Xulgado do Penal nº 3 de Xixón absolveu aos 3 acusados de pertencer a grupo criminal e delitos continuados de danos por presuntos ataques á páxina web da Xunta Electoral Central nos días previos das eleccións autonómicas e municipais de 2011.

A fiscalía tamén os acusaba de atacar ás páxinas web do PP, o PSOE e CiU, pero unha vez máis non había probas de tal, e o avogado dun dos acusados, Carlos Sánchez Almeida, chegou a declarar ante os medios que toda a operación policial foi “dende o principio unha montaxe para criminalizar a protesta do colectivo 15-M”. O avogado doutro dos defendidos, David Maeztu, tamén declarou que a sentenza xudicial demostra que “foi un traballo policial mal feito”.
Absolven aos acusados de pertencer á inexistente cúpula española de Anonymous
Compartir Este Artigo
