Ante a preocupación pola seguridade nas comunicacións persoais, e seguindo o paso doutras ferramentas de mensaxería como WhatsApp, o Messenger de Facebook iniciou a distribución dunha nova funcionalidade que permite establecer conversas cifradas de extremo a extremo, ou sexa, que para os usuarios que non se conforme co nivel de seguridade ordinario (que é máis que suficiente para case todos os usuarios), será posible establecer comunicacións secretas, nas que incluso poderá establecerse o tempo de caducidade das mensaxes, e nas que só as persoas que forman parte da conversa poden acceder aos contidos cifrados empregando o protocolo Signal de Open Whisper Ssystems (ou sexa, que vén a ser o máis semellante a empregar WhatsApp dentro de Messenger).
Esta funcionalidade é totalmente opcional precisamente porque conserva as mesmas eivas que WhatsApp, xa que se mantemos as comunicacións cifradas entre extremos temos o problema de que as mensaxes só estarán dispoñibles nos dispositivos entre os que se realicen as comunicacións, de xeito que se unha persoa accede ao Messenger dende varios teléfonos (ou tamén dende unha tableta e un ordenador) só podería acceder á conversa dende un dispositivo concreto, o que claramente non é a opción desexada pola meirande parte de usuarios do Messenger.
Polo momento as conversas secretas en Messenger é unha funcionalidade en probas que irase espallando durante o verán, en función da resposta que vaian recibindo dos usuarios.
O Messenger de Facebook proba as conversas secretas
Compartir Este Artigo
