Hoxe é un día moi importante para o comercio electrónico, xa que o 12 de xullo é a data elixida por Amazon para celebrar o seu Prime Day, ou sexa, un día no que ofrecer unha xigantesca oferta de produtos rebaixados para os subscritores do servizo Amazon Premium, que van dunha serie de ofertas dispoñibles durante toda a xornada ata unhas promocións máis limitadas en unidades, que van mudando a cada hora, levando así aos consumidores a estar pendentes para conseguir produtos a prezos moi rechamantes, aínda que en moitas ocasións teñen máis pinta de liquidación que de rebaixa (xa que moitos dos produtos con importantes descontos teñen xa varios anos e tiñan difícil saída ao seu prezo habitual).
Entre os descontos durante toda a xornada destaca o feito de que o lector de libros electrónicos Kindle Paperwhite pode adquirirse con 30 euros de desconto, o Moto G4 Plus está dispoñible por 225 euros, un portátil Lenovo Z50-75 con 8 GB de RAM e 1 TB de disco duro ofértase a 339,99 euros, a reputada webcam Logitech 920 HD Pro está dispoñible por 49,90 euros e incluso o xogo Uncharted 4 para PlayStation 4 pode adquirirse por 44,90 euros en formato físico (52,90 euros na súa edición especial).
A nivel mundial Amazon ofrece máis de 100.000 produtos en oferta, e o volume de vendas confíase en que sexa elevadísimo, xa que o ano pasado con esta mesma campaña promocional recibiron 398 pedidos por segundo.
Amazon celebra hoxe o seu Prime Day
Compartir Este Artigo
