O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) está a traballar dende a nosa terra no desenvolvemento de novas ferramentas software para o patrimonio cultural. Trátase, informa o CSIC, dun feixe de innovadores recursos informáticos “baseados en modelos abstractos de referencia e en ferramentas conceptuais e metodolóxicas dirixidas ás organizacións xeradoras desa información”. Entre as súas principais vantaxes comúns atópase a seguinte: con elas redúcese o custo habitual da súa difusión ao público xeral e contribúese á recepción das súas contribucións. Polo de agora deseñáronse e optimizáronse dous produtos pero a liña de traballo baséase en seguir fornecendo recursos novos. Estas dúas achegas xa dispoñibles son, por unha banda, a tecnoloxía CHARM (un modelo conceptual de patrimonio cultural), e, pola outra, ConML (unha linguaxe de modelado conceptual especialmente deseñada para as humanidades e ciencias sociais).
Segundo explica César González Pérez, científico do CSIC no INCIPIT e responsable da liña de investigación, “a información patrimonial xerada polas organizacións é, en xeral, invisible para o común do público, entre outras razóns porque as entidades carecen das ferramentas conceptuais e tecnolóxicas precisas para visualizala”. Na súa opinión, “é fundamental avanzar nas tecnoloxías que permitan xestionar a información patrimonial de forma integral e flexible”. Ao fío disto, explica, o INCIPIT iniciou en 2008 a liña de investigación Tecnoloxías Semánticas e Patrimonio Cultural. O que se busca a través dela é “crear, seleccionar, desenvolver, analizar, validar, demostrar e diseminar as tecnoloxías precisas para a construción de significado ao redor da información que se xera e manexa no contexto do patrimonio cultural”. Trátase, ademais, dunha liña de traballo “fortemente transdisciplinar, xa que nela desenvolven o seu labor informáticos, arquitectos, arqueólogos e outros especialistas”, engade o investigador galego dende o INCIPIT.
As dúas ferramentas: CHARM e ConML
Segundo explica nun plano máis concreto, CHARM e ConML son “produtos de investigación concibidos como ferramentas conceptuais e metodolóxicas para o ámbito do patrimonio cultural que permiten xestionar a información patrimonial dunha forma científica, organizativa e economicamente pouco custosa para as organizacións”. A finais deste ano prevese lanzar un conxunto de ferramentas software baseadas neles para que calquera programador poida desenvolver produtos software compatibles cos devanditos recursos.

Pola súa banda, ConML é unha linguaxe de modelado conceptual especialmente construída para que as persoas non expertas en tecnoloxías da información poidan crear e desenvolver os seus propios modelos conceptuais. Lanzouse en 2010 tamén cunha licencia CC BY. Consiste nunha linguaxe artificialmente construída para “que o público xeral poida expresar con máximo rigor e escasa ambigüidade aspectos da realidade tales como que obxectos, estruturas, actos sociais ou outros elementos son recoñecidos por que axentes, a través de que procesos valorativos, e como esta situación cambia ao longo do tempo”, sinala César González Pérez.
Ambas as ferramentas empregáronse xa en proxectos e traballos de investigación e o INCIPIT está a levar a cabo actividades formativas sobre o seu uso. “Polo momento, constatamos que estas infraestruturas cambian radicalmente a xestión de información patrimonial por parte das organizacións que a xeran e lle tiran proveito e serven, á vez, de plataforma para o establecemento dun diálogo cos cidadáns”, salienta César González.
Os traballos para o desenvolvemento desas novas ferramentas realizáronse no marco do proxecto de investigación Metodoloxía Integral para a Representación Formal do Patrimonio Cultural, financiado pola Xunta de Galicia (2009 e 2012), e continúan cos proxectos Patrimonio 2.0: Modelos abstractos de referencia para información en patrimonio cultural, financiado polo Plan Estatal de Investigación-Retos 2014-2017) e Advanced Research Infrastructure for Archaeological Dataset Networking in Europe (ARIADNE), financiado polo VII Programa Marco da Unión Europea (2013-2017).
O CSIC deseña dende Galicia innovadoras ferramentas para o patrimonio cultural
Compartir Este Artigo
