O Goberno galego vén de anunciar que impulsará a posta en marcha de empresas innovadoras de base tecnolóxica. E farao con máis de 800.000 euros de contribución. O obxectivo último: fomentar “o emprego estable e de calidade neste sector”. Esta medida artellarase a través do vindeiro programa de apoio para as Iniciativas de Emprego de Base Tecnolóxica (IEBT) encamiñado “a fomentar o espírito innovador e emprendedor, principalmente entre os investigadores e titulados universitarios de calquera área do coñecemento científico, técnico ou humanístico”. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este 20 de xullo as bases desta convocatoria.
Estes incentivos veñen da man da Consellería de Economía e materialízanse en axudas específicas “para a creación de empresas e postos de traballo neste ámbito”. En virtude desta iniciativa, os proxectos de Emprego de Base Tecnolóxica poderán recibir entre 6.000 e 24.000 euros de apoios da Administración autonómica. O obxectivo é que esta actuación poida favorecer a creación de 40 empresas. Segundo fai saber Economía, este programa inclúe tres tipos de axudas das que se poderán beneficiar as contratacións ou proxectos realizados entre o 1 de xaneiro de 2015 e o 30 de setembro de 2016. As tres liñas de apoio son para a creación directa de emprego estable coa que se promove a creación de postos de traballo de carácter indefinido. Están dotadas con entre 6.000 e 9.000 euros en función da idade, sexo e titulación das persoas contratadas.
A segunda tipoloxía é para apoiar para a contratación de persoal técnico de alta cualificación que terá como límite máximo, por todas as contratacións, a contía de 18.000 euros.
A terceira liña de financiamento é para a posta en marcha do proxecto empresarial con axudas dun máximo de ata 24.000 euros en función dos empregos estables e financiados durante o primeiro ano de actividade.
O prazo xeral de presentación de solicitudes de todos os tipos de axudas deste programa finalizará o 30 de setembro de 2016.
Máis de 800.000 euros para a posta en marcha de empresas innovadoras e tecnolóxicas
Compartir Este Artigo

