Quen queira tirar partido dos tours de Google, paseos virtuais por lugares senlleiros da contorna mundial, vai atopar especial presenza da Deputación de Ourense e dos seus diferentes edificios. Inmóbeis como o Pazo de Vilamarín, o Teatro Principal, o Centro Cultural Marcos Valcárcel ou o Pazo Provincial. A notable presenza nas xiras virtuais de Google destes emprazamentos do organismo provincial, e máis a propia ferramenta do buscador, foron presentadas este mércores polo presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, e polo fotógrafo certificado de Google, o ourensán Fernando Sacó.
O presidente da Deputación salientou que esta iniciativa inserida no programa Provincia Intelixente “vai incrementar a visibilidade desta parte importante do patrimonio de todos os ourensáns, unha ferramenta virtual que desde hoxe inclúe en Google percorridos de 360º por edificios emblemáticos, vencellados á nosa historia e á nosa cultura”.
Baltar tamén tivo palabras de agradecemento para Sacó, polo “traballo levado a cabo para amosar en Google un percorrido virtual que achega proximidade e accesibilidade aos cidadáns dos edificios da Deputación de Ourense”. Segundo fixo saber, estes labores terán continuidade en datas vindeiras coa incorporación ás xiras virtuais do Pazo dos Deportes Paco Paz ou o patrimonio escultórico que acubilla a Insua dos Poetas.
Pola súa banda, Sacó informou que a finalidade desta iniciativa é “achegar a todo o mundo, a través da plataforma Google, as imaxes interiores e exteriores dos edificios da Deputación de Ourense e das zonas máis destacadas dos mesmos, por medio dun tour virtual de 360º, que aporta máis realismo que a fotografía convencional”.
Como lembraremos, os tours virtuais de Google son unha ferramenta de Google Maps para que calquera persoa do mundo teña ao seu alcance unha experiencia de mergullo, a través dunha fotografía, nun espazo determinado de valor paisaxístico ou artístico ou histórico. Emprégase para isto unha secuencia de fotografías panorámicas esféricas de 360º que cobren todo o espazo que rodea á cámara e que seguen o percorrido que se indique. Segundo informa a Deputación de Ourense, baséase na mesma tecnoloxía que o Street View, “onde se poden visitar millóns de lugares e rúas en todo o mundo cunha simple busca”.
Os tours virtuais ourensáns serán incorporados á web da Deputación de Ourense cunha ligazón directa.
Os edificios da Deputación de Ourense, ao detalle nos tours virtuais de Google
Compartir Este Artigo

