
O Recuncho Maker, impulsado pola comunidade Vermislab, é un espazo para albergar e impulsar unha comunidade de coñecemento aberto, no que persoas de todas as idades poidan aprender, compartir e ensinar nos eidos da tecnoloxía, a artesanía, o deseño, a gastronomía ou a arte. A proposta ten a súa propia web, www.recunchomaker.org, e ata o de agora os seus membros establecían as súas xuntanzas no 25 da rúa Caramoniña. Trátase dunha comunidade aberta en todo o senso do termo e participan do ideario dos colectivos de hardware e software libre, pero cunha vontade aínda máis integral, universal e atemporal, abranguendo novas tecnoloxías pero tamén vellos oficios, carpintería, oleiría, papiroflexia, novos materiais, impresión 3D e electrónica.
Outra das iniciativas que vai ter o seu eixe operativo no Matadoiro é Kokedama Colectivo, que impulsará neste inmóbel nun recanto de seu (o seu Refuxio) para impulsar o traballo que leva desenvolvendo desde primeiros de ano desde a Facultade de Ciencias da Educación, a raíz dun proxecto sobre o tratamento de espazos. O seu obxectivo é “reflexionar e investigar sobre a arte e a educación, e deseñar propostas innovadoras aproveitando a potencialidade dos espazos como axentes educadores e como aglutinadores de identidades colectivas”.
O terceiro proxecto residente do Matadoiro Compostela será un Laboratorio aberto de fotografía, proposto por Iván Barreiro. O obxectivo é crear un punto de encontro entre fotógrafos, e crear sinerxias coa Escola Mestre Mateo.
A cuarta iniciativa é Grupo Gráfico, unha proposta interdisciplinar para pór en contacto artistas de diferentes eidos creativos, dende o vídeo e a fotografía ata o deseño e a ilustración. Por último, ocupará a antiga Casa da Xuventude o Espazo sen adultos, que, como se indica no seu nome, diríxese a fornecer un espazo de expresión e comunicación para as nosas crianzas. O Espazo sen adultos tamén se encamiña a fortalecer a vea creativa dos máis pequenos a través da arte mural.
A Casa da Xuventude de Santiago convértese en centro de coñecemento aberto
Compartir Este Artigo
