Unha das funcionalidades máis agardadas en Twitter dos últimos anos, por fin está dispoñible, de xeito que dende as últimas horas as fotografías, os vídeos, as imaxes GIF animadas, as enquisas e as citas de chíos xa non contan dentro do tradicional tope dos 140 caracteres de Twitter, o que permite ter máis espazo para expresarse.
Temos así que os contidos que enriquecen os chíos de xeito nativo xa non serán considerados ligazóns, de xeito que estes elementos non consumirían 23 caracteres cada un, dando pé a comunicacións máis naturais, que non obriguen a reducir á mínima expresión certos textos que en moitos casos estaban a quedar desvirtuados.
O bo desta medida é que dota dunha maior flexibilidade a Twitter sen chegar a rachar a barreira dos 140 caracteres, pois eliminar esta limitación suporía perder a axilidade que caracteriza a Twitter, aínda que dende a compañía admitiron estar a traballar nun xeito de poder engadir textos longos aos chíos coma se fosen un contido adxunto, coa grande diferenza de que sería sensible ás buscas, o que podería ser unha boa solución ante conversas que se complican extraordinariamente por culpa da limitación da lonxitude dos textos.
Os contidos engadidos nativamente deixan de restar lonxitude aos chíos de Twitter
Compartir Este Artigo
