Parece inevitable que cando chega un novo iPhone ás tendas xurda unha polémica por mor dalgún defecto de maior ou menor importancia, e o iPhone 7 non é unha excepción, e desta volta o problema que están a denunciar algúns compradores é que o seu smartphone, ao someterse a procesos de grande carga de procesador, emite un asubío que resulta preocupante, xa que chega da zona onde está o novo procesador A10 Fusion, polo que os usuarios temen ter entre mans unidades defectuosas.
Apple aínda non realizou ningunha comunicación oficial sobre o asunto, pero dende o servizo técnico recomendan aos compradores a devolver o seu móbil para que llo substitúan por outro novo, o que supón toda unha frustración para os novos compradores, xa que terán que agardar entre 1 e 2 semanas para poder recibir o novo smartphone ante os problemas de stock que os novos iPhone están a experimentar por mor do grande número de países nos que se puxo a venda o móbil na primeira etapa do seu lanzamento.
Queda agora por ver se estamos ante un problema que afecta a só algunhas unidades de iPhone 7 ou a todas, xa que en distintos foros mencionan que pode deberse simplemente a un efecto provocado por unha bobina na placa do smartphone, o que non sería un problema importante (especialmente porque só se percibe en momentos moi puntuais).
Pero esta pequena polémica inicial, alcumada por algúns como Hissgate, non é a única queixa que chega sobre o iPhone 7 e o iPhone 7 Plus, senón que o cambio da tecnoloxía do botón de inicio (que agora non é un botón físico real) está a molestar a algúns que mencionan que agora o teléfono non pode desbloquearse con luvas (xa que precisa dun contacto capacitivo) á vez que tamén hai outros usuarios que levan anos mercando iPhone e agora ven como o método de reinicio do seu móbil xa non se realiza co botón de inicio (senón en combinación co botón de baixar volume) o que despista aos que non estean ben informados sobre os cambios do novo trebello.
Parece que en ambos casos estamos ante queixas bastante puntuais, moi lonxe do que aconteceu no seu día co Bendgate ou co Antennagate, aínda que haberá que agardar uns días para ver se a reacción do público muda, ou se Apple informa oficialmente sobre estes asuntos.
Xorden pequenos problemas co iPhone 7
Compartir Este Artigo
