A aplicación de mensaxería líder en boa parte do mundo, WhatsApp, vén de actualizarse incorporando novidades na súa cámara, de xeito que agora, ao empregar a función da cámara da aplicación será posible engadir textos, trazos e emoticonas sobre as imaxes e os vídeos que captemos, seguindo así a tendencia actual de case todas as ferramentas de mensaxería facendo súas as características que fixeron popular a Snapchat.
Cando agora tomemos unha fotografía ou gravemos un vídeo dende a cámara de WhatsApp, aparecerá na parte superior da pantalla unha barra de ferramentas que permitirá engadir elementos gráficos ás imaxes e aos vídeos, dos que poderemos personalizar a cor, a posición e o tamaño.
Outra novidade interesante da funcionalidade de cámara é que, cando empregamos o smartphone para disparar un selfie, podemos activar o flash virtual (ou sexa, iluminar a pantalla durante a captura da imaxe) e durante a gravación de vídeo tamén será posible realizar zoom e mudar entre a cámara frontal e traseira cun simple dobre toque na pantalla.
Todos estes cambios comezaron a distribuírse en teléfonos Android, e chegarán en breve tamén a iPhone, pero non son os únicos cambios que está a preparar WhatsApp, senón que os usuarios que están inscritos no seu programa de beta poden acceder a unha funcionalidade demandada dende hai moito tempo: a posibilidade de enviar imaxes GIF. Dende hai varias semanas era posible converter vídeos curtos en imaxes GIF, pero agora será posible remitir imaxes GIF dende a propia galería do smartphone.
WhatsApp mellora a súa cámara e prepara a chegada das imaxes animadas
Compartir Este Artigo
