As cadeas de restaurantes de comida rápida levan anos procurando axilizar o proceso de realización de pedidos, reducindo ao mínimo as ringleiras ante os seus mostradores e optimizando así o seu sistema de despacho de encarga, o que afecta claramente á percepción dos clientes, que evitan así a molesta experiencia de esperar en fileiras. Un dos pasos que xa tomaron moitos restaurantes nos últimos anos foi a instalación de quioscos que facilitaban a realización de encargas e o propio pagamento con tarxeta bancaria, de xeito que o consumidor só tiña que achegarse ao mostrador para recoller a súa bandexa co pedido, e agora parece que queren prescindir tamén dese elemento fixo, grazas á proliferación de dispositivos móbiles e á desaparición das barreiras psicolóxicas para a realización de pagamentos electrónicos, e McDonald’s anuncia que para o ano que vén porá en marcha en EE.UU., Australia, Canadá, Francia e Reino Unido (mercados aos que poderían incluírse máis países) un sistema de pedidos e pagamentos a través do smartphone que confían que estea dispoñible en entre 20.000 e 25.000 restaurantes de todo o mundo en 2018.
Este sistema de pedidos xa estaba dispoñible noutras cadeas de restauración, pero o feito de que un xigante como McDonald’s o adopte é un signo do que está a supor o impacto das TIC en sectores tan tradicionais como a hostalaría, que desta volta non só supón un aforro de tempo e unha maior comodidade para os clientes, senón que tamén permite unha maior precisión nos pedidos (xa que evita unha mala interpretación por parte da persoa que toma nota das encargas).
Actualmente os smartphones están a converterse en solucións habituais para a realización de pedidos e pagamentos, polo que espérase que en poucos meses o seu uso sexa o máis normal para botar carburante ao coche, realizar unha encarga nun restaurante ou pagar a nosa roupa, conseguindo concentrar tarxetas bancarias, tarxetas de fidelización e recibos de compra nunha única solución, simplificando e axilizando os procesos de compra.
McDonald’s comezará a aceptar pedidos a través do móbil nos seus restaurantes
Compartir Este Artigo
