O comercio electrónico global está a vivir hoxe un día de auténtica tolemia, xa que é o principal día de rebaixas en tendas en liña chinesas que tamén se contaxiou a moitas cadeas de electrónica de consumo de todo o mundo que non quixeron deixar pasar a oportunidade para facilitar o adianto de compras de cara ao Nadal, pero o pulo chinés é notable, e este ano confirmou conseguir ter aínda un maior impacto que o ano pasado, polo que poderiamos dicir que volvemos estar ante a xornada que máis cartos moven no comercio electrónico de todo o ano.
A data de hoxe, día 11 do mes 11, empregábase como unha alternativa ao Día dos Namorados, pensando en que os solteiros fixesen compras para agasallar a si mesmos, pero ante a imaxe negativa que podía dar chamar a esta data Single’s Day (día dos solteiros) este ano decidiron explotar a data como Dobre 11 ou 11.11, o que parece unha boa decisión, xa que se atendemos aos datos de Alibaba (o principal grupo comercial chinés) a só 14 horas e 33 minutos xa se superaron os 467 millóns de pedidos (que foi a cantidade despachada hai un ano) e a 15 horas e 19 minutos superáronse os 91.200 millóns de iuans (12.314 millóns de euros), que foi o total facturado durante o 11 de novembro de 2015.
Entre os datos que destacan dende Alibaba figura que a porcentaxe de compras feitas dende o móbil está a ser do 84,9%, algo que pode resultar moi rechamante, pero que neste caso pode ser moi elevado ante a presa por non deixar pasar algunhas ofertas, sendo o móbil a plataforma máis áxil para mercar en liña.
Se botamos a vista ao ano pasado teriamos que o Black Friday tería facturado uns 4.450 millóns de dólares, e o Cyber Monday estadounidense quedaría nuns 2.680 millóns de dólares, resultando evidente que o 11.11 é unha xornada moito máis importante no comercio electrónico global, deixándose notar especialmente entre os produtos de electrónica de consumo, que están entre o máis demandado.
Para inchar peito, dende Shenzhen (China) activaron unha pantalla xigante (tamaño IMAX) na que ofrecen información sobre as vendas en tempo real, e tamén organizaron unha grande gala na que contaron coa presenza de celebridades como David e Victoria Beckham, o grupo OneRepublic e o xogador de baloncesto retirado Kobe Bryant, deixando claro que para eles é toda unha festa a celebración desta data que cada día temos que ter máis presente no calendario.
ACTUALIZACIÓN: Finalmente a xornada do 11.11 rematou cun volume de facturación de 120 millóns de iuans (16,3 millóns de euros) por parte do grupo Alibaba. 
O comercio electrónico chinés superou todos os records no seu grande día de rebaixas
Compartir Este Artigo
