Esta mañá Google presentou a segunda rolda de financiamento do seu proxecto Digital News Initiative, co que pretende contribuír ao desenvolvemento de produtos, á investigación, á formación e ao financiamento de novos proxectos relacionados co xornalismo a través do capital que achegan co seu fondo que desta volta destina 24 millóns de euros a 124 proxectos de 25 países de Europa.
Nesta segunda fase da iniciativa non só tívose en conta o impacto, a innovación e a viabilidade para a selección de proxectos a financiar, senón que tamén incorporaron aos criterios de selección o espírito de colaboración e a asociación, de xeito que a metade dos grandes proxectos baséanse na colaboración.
No caso español a cantidade total que aportará Google aos medios será de 2.109.805 euros que irán parar a 10 empresas moi variadas: Europa Press, Henneo, Diario AS, Serveis de Comunicació Global Aquitània, NacióDigital, Colectivo 5W, 93 metros, Eduardo Suárez (Politibot), ThinkSize, CUONDA e La Voz de Galicia. Os proxectos presentados van dende a análise de datos en tempo real ata a creación de bots para que os xornalistas poidan interactuar coas redes sociais.
No caso que nos colle máis de preto, o de La Voz de Galicia, a cabeceira desenvolverá unha aplicación interna que permitirá identificar micro-comunidades locais na Internet, de xeito que cada xornalista do medio poida xestionar a súa relación coas mesmas, tanto na escoita do que acontece nas redes sociais como na distribución intelixente dos contidos e a interacción personalizada cos lectores.
La Voz de Galicia entra na segunda rolda de financiamento da Digital News Initiative
Compartir Este Artigo
