O mes pasado sorprendeu a fraude dunha empresa estremeña que vendía smartphones chineses coma propios, e parece que a historia repítese, mudando lixeiramente o tipo de fraude, e desta volta é o xornalista Javier Lacort quen desvela para Hipertextual a fraude que agocha o produto Toro Nanotec Aura, que dende o mes de marzo está a comercializarse como un protector de pantalla líquido para smartphones que, mediante unha aplicación simple protexe a pantalla de marcas de pegadas dixitais, rabuñaduras e incluso pequenos impactos grazas á nanotecnoloxía. O engano deste produto volve a ser a orixe do produto, xa que a caixa do protector líquido indica claramente que a tecnoloxía está «desenvolvida en España» e incluso a suposta empresa que está detrás emprega como logotipo un touro que lembra ao de Osborne.
Lacort chega a descubrir que detrás de Toro Nanotec está unicamente unha persoal, Celidonio Rocamora, quen sen coñecementos académicos sobre química (ao parecer, trátase dun transportista en paro) asegura ser o creador do produto, sen achegar en ningún momento unha explicación crible sobre a nanotecnoloxía de Toro Nanotec Aura, e as institucións académicas e laboratorios que comenta nalgún momento que colaboraron con el negan esas afirmacións, o que tamén acontece cos provedores de produtos químicos que di empregar.
A conclusión da investigación de Lacort parece bastante clara: Toro Nanotec Aura é realmente un produto mercado en China (como o que podemos atopar en AliExpress por 4,40 euros) ao que mudan o empaquetado para comercializalo como un produto propio a 29,98 euros (ou máis) a través da súa propia páxina web e doutros marketplaces en liña como Amazon, eBay ou Fnac.
O produto non só conseguiu unha grande presenza en tendas en liña, senón tamén en redes sociais, medios de comunicación, blogs tecnolóxicos… xa que repartiron de xeito bastante intenso mostras de balde do produto para conseguir así unha boa promoción, de aí que fose de interese analizar canto de verdade había sobre esta tecnoloxía supostamente desenvolvida en España, e tras os contactos dende Hipertextual con Celidonio Rocamora a cousa chegou a niveis esperpénticos, xa que o emprendedor chegou a mandar fotografías nun laboratorio alleo (ALMABE) dende o que confirman que nunca se realizou alí ningún desenvolvemento de produto para Toro Nanotec, compañía que, por outra banda, non existe formalmente, xa que unicamente temos a figura de Rocamora como autónomo, sen constar a súa suposta empresa no Rexistro Mercantil, e tampouco estar rexistrado convenientemente para a actividade que realiza.
Queda agora por ver se as autoridades de Consumo pasan a actuar dun xeito semellante ao de Zetta, ao desvelarse un tipo de fraude que está a converterse en demasiado frecuente.
Desvelan unha fraude ao redor dun protector líquido de pantallas de smartphone
Compartir Este Artigo
