A chamada economía colaborativa leva anos nunha especie de limbo legal no que non se sabe ben o que pode ou non facerse conforme á lexislación vixente, de xeito que servizos como Uber, BlaBlaCar ou Airbnb teñen que enfrontarse a denuncias, protestas e sancións mentres non remata de clarexarse a situación, pero non sempre as autoridades actúan correctamente, e así vemos como o Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña vén de anular a multa de 30.000 euros imposta pola Generalitat en xullo de 2014 a Airbnb por ofrecer apartamentos turísticos de xeito ilegal, criterio que non comparte o xuíz da sala do contencioso-administrativo do TSJC.
O Goberno catalán chegou a ameazar con bloquear o acceso a Airbnb dende Cataluña, pero ante a sanción de 2014 a compañía denunciada optou por aboar a multa e presentar un recurso, o que parece terlle saído ben, xa que o TSJC non fai responsable último a Airbnb de alugueres que non respecten a lexislación catalá porque «a xestión das reservas, a fixación de prezos e as especificacións concretas do uso das vivendas alugadas establécese polos seus titulares». Considérase así que o servizo de que ofrece Airbnb non sería turístico, senón que a súa intermediación sería unicamente tecnolóxica.
A Generalitat ten previsto recorrer a sentenza, aínda que resultaralle difícil, xa que o xuíz non valora a actividade de Airbnb no seu fondo, senón que simplemente recolle que a sanción imposta en 2014 non está tipificada, polo que non existe lexislación que a sustente.
Cómpre destacar que as medidas de persecución dos servizos de economía colaborativa van na dirección oposta á que apunta a Comisión Europea, que considera positivo o desenvolvemento das novas plataformas como un motor da economía moderna, e instan ao regulamento antes que a empregar a lexislación anterior como atranco para a imparable evolución.
Anulan a sanción da Generalitat a Airbnb
Compartir Este Artigo
