Despois de bastantes meses de axustes de tarifas e cambio de rede móbil, o operador R lánzase a renovar completamente a súa oferta comercial, de xeito que a partires do 1 de xaneiro terá unhas tarifas diferentes para todas as novas altas, mentres que os clientes actuais poderán gozar das novas tarifas a partires de mañá mesmo.
Dende a compañía aseguran que coa nova oferta queren ofrecer conexións con máis velocidades, ofrecer tarifas móbiles para máis perfís de usuario, incluír máis chamadas a móbiles dende o fixo e mellorar o prezo ao combinar fixo e móbil.
Comparar as novas tarifas coas actuais non resulta nada doado, xa que non hai unha correlación directa entre unhas e outras, aínda que os clientes poderán manter as tarifas que teñen en vigor (que veñen de revisar os seus prezos), aínda que resulta recomendable botar un ollo á nova oferta para ver se poden conseguirse unhas condicións beneficiosas coas novas tarifas (salientando o detalle de que ao combinar tarifas hai que usar as novas ou as vellas).
Entre as novas tarifas móbiles temos agora as tarifas plana 15 (con 2 GB de datos e 200 minutos a fixos e móbiles por 15 euros/mes) e a plana 18 (con 2 GB de datos e chamadas ilimitadas por 18 euros/mes). Dende R advirten de que estas tarifas non serían compatibles coas chamadas ilimitadas entre números da propia conta, así como o feito de que conservan as tarifas R e incorporarán novas liñas adicionais con menos datos e máis baratas.
Os combos mudan de velocidade, de xeito que sen móbil con R teríamos 50 Mbps por 47 euros/mes, 200 Mbps por 52 euros/mes e 350 Mbps por 55 euros/mes, o que supón unha baixada de prezos. Manteñen os 100 minutos de chamadas a móbiles dende o fixo para os clientes con factura electrónica aos que engadiranse outros 1.000 minutos para fins de semana e festivos estatais e autonómicos. Tamén estableceranse descontos ao combinar fixo e móbil.
R renova a súa oferta comercial
Compartir Este Artigo
