Esta semana fixéronse públicos os detalles dun acordo entre empresas de telecomunicacións e do motor destinado a apuntalar o futuro do coche conectado e intelixente: un tipo de vehículo do que xa puidemos ver todo tipo de experiencias pero ao que lle fallaba o pulo definitivo no ámbito da comunicación con outros vehículos e con todo tipo de elementos da súa contorna (o ámbito da Internet das Cousas). Este pulo poderíase conseguir co paso da tecnoloxía 4G á 5G, abríndose interesantes horizontes para o transporte intelixente e para a comunicación entre vehículos (V2V) e entre estes e os obxectos (V2X). Estes serán os principais eidos de investigación para 2017 da iniciativa Towards 5, impulsada este mércores por Ericsson, Orange e o Grupo PSA. Amais do devandito, traballarase nos sistemas de transporte intelixente (ITS, Intelligent Transport System) que xa se están a probar en vehículos reais en Francia.
A idea do acordo é, como adoita acontecer neste tipo de alianzas, sumar coñecementos para acadar un resultado que doutro xeito non sería posible. Neste caso concreto, trátase de coñecementos avanzados en tecnoloxías e redes de telecomunicación (Ericsson e Orange) e no motor (o Grupo PSA, que, como lembraremos, ten importante presenza na nosa terra a través da planta de fabricación de Vigo). As tres compañías tentarán de mellorar cousas como as funcionalidades que advirten aos condutores da presenza de obstáculos na estrada ou, tamén, de vehículos adicados ás emerxencias.
Nun plano máis concreto, Ericsson encargarase dos equipos de radio, do centro de rede virtual e do servizo de xeo-mensaxería. Orange asumirá as tarefas de xestión e mantemento da rede móbil e da conectividade a bordo. PSA, pola súa banda, encargarase de fixar os requirimentos concretos do proxecto e de integrar todas as tecnoloxías desenvolvidas nos seus prototipos, entre outras cousas.
Como lembraremos, o grupo de motor francés non é un acabado de chegar ao ámbito dos coches conectados. Sen ir máis lonxe, en Código Cero informamos o ano pasado, no mes de novembro, da primeira viaxe de probas deste tipo de automóbiles no territorio estatal. A saída foi dende Vigo e na experiencia participou precisamente o Grupo PSA Peugeot Citroën. Foi, máis polo miúdo, unha viaxe de 599 quilómetros entre Vigo e Madrid nun Citroën Grand Picasso equipado con tecnoloxía para a súa condución autónoma, aínda que sempre cun condutor humano supervisando o proceso (para cumprir cos obrigas regulamentarias). Segundo informou daquela a multinacional do motor, o prototipo será quen de adaptar a velocidade aos límites da vía e ás condicións do tráfico e mesmo realizar adiantamentos sen intervención do condutor. No desenvolvemento do vehículo autónomo deseñado por PSA Peugeot Citroën traballou arreo o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia, o CTAG. O seu traballo conxunto foi posto en marcha en 2014 coa primeira unidade mixta de investigación impulsada pola Xunta entre unha empresa multinacional e un centro tecnolóxico galego.
PSA, Ericsson e Orange impulsarán o coche conectado con tecnoloxía 5G
Compartir Este Artigo
