As compañías de referencia en certos produtos de electrónica de consumo moi especializados como Tomtom, Garmin e Parrot levan un tempo explorando novos ámbitos para poder manter o seu volume e incluso medrar, pero o proceso está a resultar dificultoso, e dende Parrot comezan a tomar medidas, e ante o feito de que agora estimen que os seus ingresos de 2016 sexan de 85 millóns de euros cando tiñan como obxectivo chegar aos 100 millóns leva a que a compañía decidise recortar a división que consegue un menor rendemento: a de drons.
Pese a xerar uns 11 millóns de euros en drons comerciais e 49 millóns de euros en drons de consumo, o rendemento desta área de negocio non é bo, e a súa proxección de crecemento a medio e longo prazo non é positiva, polo que emprenden unha reorganización que suporá o despedimento de 290 dos seus 840 empregados.
Parrot enfocará o negocio á capacidade de innovación nun número reducido de produtos, reestruturará a súa oferta para buscar aproveitar mellor a súa experiencia en drons comerciais e centrará os seus recursos nas canles comerciais máis rendibles.
Aínda que ultimamente os drons de consumo estean a captar moitas miradas, é un negocio no que resulta moi difícil competir (DJI está a dominar claramente grazas ao seu nivel de innovación e aos seus prezos reducidos) e dende Parrot confían en que os drons comerciais (para labores profesionais como a elaboración de mapas, a vixilancia, a agricultura ou a inspección) poidan manter un forte desenvolvemento nos vindeiros anos, especializándose cada vez máis en traballos moi específicos.
Parrot despedirá á terceira parte dos traballadores da súa división de drons
Compartir Este Artigo
