Este xoves, en Santiago, a Fundación Araguaney-Ponte de Culturas entregou os seus galardóns dirixidos a premiar os mellores traballos de comunicación sobre os conflitos invisibilizados polos grandes medios de comunicación e os pobos que son vítimas anónimas desas múltiples guerras das que apenas escoitamos falar en Occidente. A entidade, ante un auditorio ateigado de xornalistas, recoñeceu finalmente o labor de Xavier Aldekoa (Premio do xurado) e a galega Eva Rodríguez Nieto (Premio do público). Previamente á entrega desta primeira edición dos galardóns Revbela (nos que se validaron 210 traballos e foron seleccionados media ducia como finalistas) celebrouse unha mesa redonda sobre o papel dos medios dixitais nos acontecementos bélicos. O presidente da fundación, Ghaleb Jaber Martínez, clausurou o acto facendo un chamamento a un mellor emprego das TIC como recursos de información axeitada e de denuncia.
“Vivimos nunha espiral onde as novas tecnoloxías aplícanse á rutina da vida e tamén nos medios de comunicación, onde as noticias fican en meros titulares e non comprendemos o seu contido”, sinalou. Asemade, salientou que os premios Revbela encamíñanse a inverter a devandita situación: xorden para “dar voz, representación e recoñecemento aos xornalistas e potenciar unha prensa libre e comprometida”.
O acto de onte comezou, como dixemos, cun debate sobre os medios nas TIC. O Foro Revbela, titulado Os conflitos internacionais nos medios dixitais: cobertura e tratamento?, foi moderada polo director do Instituto de Estudos sobre Conflitos e Acción Humanitaria (IECAH), Jesús Núñez, e estivo composta polo director xeral de Elconfidencial.com, Alberto Artero, o director da edición dixital de La Voz de Galicia, Tomás García Morán, e o director e fundador de Eldiario.es, Ignacio Escolar.
Alberto Artero explicou que en Elconfidencial.com os xornalistas tratan todos os conflitos “a ser posible con xornalistas in situ”. É o caso, sinalou, de Antonio Pampliega, secuestrado e posteriormente liberado en Siria, que escribía para o diario. No que atinxe á diferenza fundamental no tratamento xornalístico dos conflitos internacionais entre a prensa en papel e a dixital, o relator asegurou que é “o carácter de inmediato”. E engadiu: “Pasamos de dicir que non hai nada máis vello que o xornal de onte a soster que non hai nada máis vello que o telexornal desta noite”. Internet permite ademais achegar unha cobertura multimedia que o papel non faculta, explicou.
Pola súa banda, Tomás García Morán indicou que os medios de comunicación, non só a prensa senón tamén os audiovisuais, “afrontan a segunda gran reconversión en menos de dez anos”. Explicou que “a mediados da década pasada coincidiron no tempo dúas crise, a do modelo de negocio dos medios impresos e a crise económica que provocou unha caída do investimento publicitario”. Tamén dixo que arestora estamos a vivir “unha situación semellante” e que ás dúas crises anteriores, “non superadas na súa totalidade”, súmanse agora outras dúas ameazas: a aparición de novos actores que entraron no mercado publicitario, “cunha forte aposta tecnolóxica encamiñada a optimizar a rendibilidade do investimento”, e máis “a polarización da sociedade e ás críticas aos grandes grupos editoriais como xeradores de opinión”.
Por último, Ignacio Escolar salientou que Eldiario.es mantén o seu foco na política e na economía “no seu sentido máis amplo”, o que afecta ás persoas máis que aos partidos ou aos mercados. Considera que o medio dixital que representa baséase nun xornalismo “rigoroso, independente e tamén honesto” no que prima a defensa dos dereitos humanos, a igualdade e unha democracia mellor, máis transparente e máis aberta.
Galardoados da primeira edición
O xornalista freelance Xavier Aldekoa (Barcelona, 1981), correspondente da Vangarda para a África Subsahariana e co-fundador da revista de xornalismo internacional 5W, recolleu o recoñecemento principal do certame, o Premio Revbela de Comunicación, dotado con 5.000 euros, pola súa reportaxe escrita A tribo maldita do lago, publicado en 5W (formato PDF).
A gañadora do Premio Revbela do Público, con 2.434 votos na web oficial do certame, foi a xornalista e redactora de SINC (web especializada en información sobre ciencias naturais e sociais) Eva Rodríguez Neto (Ourense, 1981), polo seu traballo O ártico derrétese e o mundo dispútase os casquetes. Recibiu un premio dotado con 1.000 euros polo seu artigo publicado en www.agenciasinc.es (formato PDF).
Entréganse os premios Revbela entre chamamentos a unha Rede que axude a visualizar inxustizas
Compartir Este Artigo
