A semana pasada Donald J. Trump asinou unha orde presidencial que aplica unha moratoria de 90 días para a admisión e retorno aos EE.UU. de todas as persoas que non sexan cidadáns estadounidenses que veñan de Siria, Iraq, Irán, Libia, Somalia, Xemen e Sudán, xunto con outras medidas como a suspensión da recepción de refuxiados durante 120 días (e de refuxiados sirios de xeito indefinido) e elimina o dereito á protección de datos dos estranxeiros.
Aínda que as medidas non entraron en completa aplicación (varios tribunais están a oporse ás mesmas), a resposta do sector tecnolóxico norteamericano é unánime, aínda que con distinta intensidade segundo a compañía, resultando evidente que Silicon Valley está totalmente en contra das restricións fronteirizas, xa que o seu talento provén de todo o mundo, e pór atrancos á entrada en EE.UU. a traballadores ou ás súas familias pode supor un importante freo á innovación.
Dende a Fundación Mozilla xa fixeron unha declaración pública asegurando que o bloqueo de fronteiras é desproporcionado e supón un freo para a prosperidade dos EE.UU.; dende Microsoft tamén amosaron a súa preocupación ante a orde executiva de Trump, e comunicaron aos 76 traballadores da compañía afectados (por ter visado en regra, pero ser aínda cidadáns dos países incluídos na listaxe negra) que os apoiarán legalmente e continuarán a defender a entrada de talento do exterior, así como a liberdade de expresión e de culto; pola súa banda Google decidiu crear un fondo de crise de 2 millóns de dólares, que podería igualarse con outros 2 millóns por parte dos seus empregados, para achegalos a catro organizacións de defensa dos dereitos civís que están a oporse ás medidas de Trump; e dende Airbnb pretenden ofrecer aloxamento de balde aos afectados polo bloqueo.
Máis complicada é a postura de Uber, compañía que en decembro entrou no consello asesor de Trump, o que levou a que nos últimos días moitos usuarios estean a declarar que deixarán de usar o servizo e pasar a empregar os dos seus principais competidores. Ante tal situación o propio director xeral da compañía tivo que saír a declarar que axudará aos seus empregados afectados, para o que crearon un fondo de 3 millóns de dólares (para servizos legais e de tradución). Aínda que Elon Musk, Travis Kalanick e outros directivos de Uber din publicamente que consideran atinado asesorar a Trump, moitos cidadáns están a denunciar a súa compracencia, e ameazan con borrar dos seus dispositivos móbiles a aplicación de Uber.
Silicon Valley oponse ao peche de fronteiras de Trump
Compartir Este Artigo
