Durante a guerra entre Meerkat e Periscope por facerse co dominio das transmisións de vídeo en directo dende o móbil comentábase que Facebook e YouTube estaban a preparar as súas solucións para adoptar posicións nesta práctica emerxente para a que se auspiciaba un grande éxito, e mentres que Facebook respondeu por partida dobre (con directos a través de Facebook e Instagram), dende Google non só parecían non saber reaccionar, senón que incluso estaban a retirar o seu apoio aos directos de Hangouts.
Pero finalmente parece que espertaron e por fin traen a España a súa resposta a Periscope, o Mobile Live Streaming, sistema de directos dende o móbil que permite chatear durante as retransmisións e que incluso integra unha función de monetización: o Super Chat. Esta última funcionalidade permite que un usuario poida pagar por ter unha especie de asento de primeira fila, ou sexa, que as súas mensaxes teñan un lugar preferente nas conversas, de xeito que aparecerán destacados na parte superior da fiestra do chat en cores rechamantes durante ata 5 horas, xerando así ingresos económicos para o creador de contidos.
O servizo de directos dende o móbil a través de YouTube leva en funcionamento noutros mercados dende o pasado verán, e aínda que está previsto que chegue a todos os usuarios, polo momento só está dispoñible para os creadores con máis de 10.000 subscritores, ou sexa, que será principalmente unha canle de comunicación máis para célebres youtubers antes de converterse nunha alternativa completa aos directos de Twitter e Facebook.
Chega a España a resposta de YouTube a Periscope
Compartir Este Artigo
