Mark Zuckerberg visitou hoxe os laboratorios de investigación de Oculus en Redmond (Washington) onde están a traballar para mover as barreiras das realidades virtual e aumentada, ou sexa, que desenvolven tecnoloxías que vai moito máis aló do casco Oculus Rift, como o seguimento da mirada, a realidade mixta ou novos xeitos de mapear o corpo humano. Confían en que o futuro achegue lentes de realidade virtual e aumentada que sexan tan pequenas como para poder levalas a todas partes, e que o seu software permita interactuar co mundo virtual do mesmo xeito que facemos co mundo real.
Está claro que esta aposta de Zuckerberg é a moi longo prazo, pero a visita que ilustrou hoxe cunha serie de fotografías serviu para dar a coñecer un accesorio moi prometedor: unhas luvas que permiten que o usuario poida debuxar, teclear nun teclado virtual ou incluso disparar teas de araña coma se fose Spider-Man. Teriamos así unha solución para un dos grandes atrancos que presenta a realidade virtual: interfaces de uso pouco naturais, como mandos de consolas de videoxogos, que poden resultar prácticos para xogos inmersivos, pero fracasan ao querer crear unha experiencia realista.
Zuckerberg amosa unhas luvas para realidade virtual
Compartir Este Artigo
