Tras un período en probas a aplicación móbil de WhatsApp vén de achegar a todos os seus usuarios unha nova funcionalidade: a posibilidade de activar a verificación en dous pasos. Estamos ante unha medida de seguridade que busca complicar que unha persoa que poida facerse co noso número de teléfono teña acceso ás nosas comunicacións a través de WhatsApp, xa que para identificarnos ante esa plataforma chega cun código que se recibe mediante unha mensaxe de texto (ou unha chamada).
Deste xeito, se activamos a verificación en dous pasos, introdúcese un segundo sistema de verificación que consiste nun código de 6 díxitos que poderemos establecer para poder instalar a nosa conta de WhatsApp nun smartphone. Adicionalmente tamén podemos fixar un enderezo de correo electrónico por se esquecemos o código establecido e queremos recuperar a nosa conta.
Hai que ter certa precaución nestes pasos, pois se indicamos un enderezo de correo electrónico que non vaiamos a conservar durante moito tempo podemos ter problemas para recuperar a nosa conta de WhatsApp se mudamos de móbil ou temos que restauralo por algún problema.
Non estamos ante unha medida de seguridade especialmente robusta (especialmente porque é moi probable que boa parte dos usuarios introduza contrasinais tipo 123456 ou 111111, ou que a conta de correo electrónico asociada a WhatsApp estea preconfigurada no smartphone, o que sería un risco en caso de roubo ou extravío) pero é un avance que agradecerán os usuarios máis preocupados pola seguridade da súa identidade dixital.
WhatsApp ofrece a verificación en 2 pasos a todos os seus usuarios
Compartir Este Artigo
