No marco da Game Developers Conference Microsoft anunciou o lanzamento do Xbox Live Creators Program, que abrirá a calquera desenvolvedor a posibilidade de publicar xogos para Xbox LIVE tanto para consolas Xbox One como para equipos con Windows 10, democratizando o acceso a esta atractiva plataforma para a comercialización de videoxogos.
Os creadores de xogos UWP poderán agora publicalos nas tendas dixitais de Windows 10 e Xbox One, e para facilitar este traballo Microsoft distribúe un Xbox Live Creators SDK que facilitará funcionalidades como a identificación en Xbox LIVE e o acceso a numerosas funcións sociais desta plataforma de xogo en liña, así como a posibilidade de que os xogos aproveiten o almacenamento na nube da plataforma. No caso de querer tirar un maior proveito das funcionalidades de Xbox LIVE os desenvolvedores tamén poden optar a entrar no programa ID@Xbox.
O Xbox Live Creators Program xa conta cunha páxina web de seu na que informan das súas posibilidades e do procedemento para incorporarse a esta iniciativa que facilita levar as creacións a máis de 55 millóns de xogadores activos. Cómpre lembrar que para desenvolver xogos para Xbox One só é preciso contar cunha versión comercial da consola (non como acontecía con anteriores consolas nas que era preciso facerse cun modelo específico para desenvolvedores) e incluso é posible desenvolver os xogos mediante populares motores como Construct 2, MonoGame, Xenko ou Unity.
Calquera desenvolvedor poderá publicar xogos nas tendas dixitais de Xbox One e Windows 10
Compartir Este Artigo
