Hoxe hai 11 anos da publicación da mensaxe «just setting up my twttr» por parte de Jack Dorsey, o que consideran como o nacemento de Twitter, aínda que realmente o servizo non veu a luz ata o 15 de xullo de 2006. Son os propios responsables de Twitter os que definen o día de hoxe como o do seu aniversario (como demostran os globos de cores que adornan a súa conta oficial en Twitter) e aínda que non realizan ningunha celebración especial, estes días si están a realizar algúns cambios, cando menos na súa aplicación móbil para iOS e Android, que está a comezar a recibir unha pequena renovación da súa interface, para achegarse máis á súa versión web.
Cando agora imos dende a aplicación móbil de Twitter a unha conta en concreto, atopamos que tras a súa descrición aparecen tres pestanas (Chíos, Multimedia e Gústames) ás que, para algúns usuarios (xa que a funcionalidade aínda está a aplicarse globalmente) aparece xa unha cuarta en segundo lugar (Chíos e Respostas), co que búscase facilitar a exploración dos contidos publicados por un usuario, distinguindo así as cousas que publica motu propio das que forman parte dunha conversa con outros usuarios.
Twitter estrea pequenos cambios na súa aplicación móbil
Compartir Este Artigo
