Nos últimos días Instagram comezou a implantar unha nova funcionalidade na súa aplicación móbil, que consiste en ampliar a opción de poder gardar publicacións, de xeito que agora, ao premer sobre a icona do marcador para gardar, se deixamos o dedo pulsado un intre teremos a opción de engadir a imaxe a unha colección á que poderemos pór nome, o que facilita a organización das imaxes e vídeos que queiramos conservar.
Tamén é posible crear coleccións dende a propia sección na que están os contidos gardados, premendo no signo de máis na esquina superior dereita da aplicación, tras o que poderemos definir o nome da colección e as entradas gardadas que desexemos introducir na mesma.
Polo momento estas coleccións son privadas, un simple xeito de conservar os nosos contidos favoritos de Instagram sen ter que gardalos en local, o que é unha grande diferenza con respecto aos paralelismos que moitos queren establecer entre esta funcionalidade e Pinterest, xa que desta volta a recompilación en coleccións non é visible para o resto de usuarios, de xeito que non sería unha prestación social (aínda que non resultaría sorprendente que evolucionase dese xeito no futuro).
Instagram permite gardar contidos en coleccións
Compartir Este Artigo
