O Tribunal de Xustiza da Unión Europea publicou hoxe un comunicado coas conclusións do avogado xeral Maciej Szpunar sobre o conflito entre a asociación profesional Elite Taxi e Uber no que o letrado recoñece que, pese a ser Uber unha plataforma electrónica pertencen ao ámbito do transporte, de xeito que podería obrigárselle a dispor das licenzas e autorizacións requiridas localmente.
Esta interpretación realízase como consecuencia dunha demanda de Élite Taxi presentada en 2014 en Barcelona na que solicitaban unha sanción a Uber Spain por competencia desleal, xa que consideran que a compañía non ten dereito a prestar o servizo UberPop na cidade de Barcelona, xa que nin os propietarios nin os condutores dos vehículos afectados dispoñen das licenzas e autorizacións establecidas no Regulamento Metropolitano do Taxi de Barcelona.
Szpunar sinala que antes de entrar no fondo é preciso determinar se Uber é simplemente unha plataforma de servizos da sociedade da información ou se a súa actividade estaría incluída no ámbito do transporte, pois neste último caso requiriría o sometemento ás normativas legais de cada territorio da Unión Europea. Aínda que terá que ser un xuíz español o que avalíe os feitos, o avogado xeral entende que o servizo mixto de Uber non cumpriría coas condicións esixidas para poder considerarse servizo da sociedade da información, que serían que a prestación que non se facilite por vía electrónica fose economicamente independente (como acontece coa compra de billetes de avión ou coas reservas de hoteis) ou que o prestador facilite todo o servizo ou exerza unha influencia decisiva sobre as condicións nas que se presta o servizo fóra de liña.
Destácase que os condutores de UberPop non realizan nunha actividade propia independente de Uber, de xeito que a súa actividade só podería realizarse a través da plataforma en liña; e Uber tamén encárgase de controlar totalmente as condicións do servizo (requisitos, pagamentos, prezos, control de calidade…) de xeito que non sería un mero intermediario. Szpunar conclúe que o servizo de Uber é «a organización e xestión dun sistema completo de transporte urbano baixo petición» que non sería equiparable aos servizos de transporte compartido, xa que os pasaxeiros son os que deciden o destino e os condutores cobran un importe que excede amplamente os gastos ocasionados.
Un avogado xeral comunitario considera que Uber é unha empresa de transporte
Compartir Este Artigo
