Numerosas celebridades e persoas influentes no ámbito dixital están a apostar por unha nova plataforma dixital desenvolvida dende Oleiros, Vippter, que achega contidos exclusivos de xente tan variada como Fernando Torres, Paris Hilton, Fran Rivera, Jordi Alba, Roberto Carlos, Luis Figo, Fonsi Niteto, Eugenia Silva, Ariadne Artiles, Paula Echevarría, Bryan Adams ou Roberto Vilar, ou sexa, que influencers do cine, o deporte, a moda, a televisión ou YouTube (entre outros ámbitos) danse cita nesta plataforma social que en palabras dun dos seus fundadores e co-CEO, Adrián Rodríguez Ramos, permite que «haxa máis interacción entre os usuarios e os personaxes públicos para que poida haber uno de unión máis próximo». Engade que «todos os persoeiros teñen tráfico nas súas redes, e todo o tráfico que deriven a Vippter permite participar en certas accións, acceder a contido exclusivo, achegando un valor engadido que non dá noutras plataformas».
Esta plataforma en liña conta con aplicación de seu para Android e para iOS, o que facilita aos usuarios o contacto cos seus persoeiros favoritos, dos que teñen contidos exclusivos e tamén a posibilidade de participar en concursos e sorteos de balde e así gañar interesantes premios (Fernando Torres regalou a camiseta coa que xogou contra o Bayer de Munich, Miguel Abellán sorteou o seu capote, Samantha Vallejo Nájera o seu libro de cociña, entradas para concertos ou a participación nun meet&greet con Valentina Zenere, unha das estrelas da serie xuvenil Soy Luna)
Xerando emprego en Galicia
Vippter está en plena emerxencia, con máis de 300.000 usuarios rexistrados na súa aplicación en apenas 3 meses, e ten como obxectivo chegar aos 3 millóns de usuarios en 2 anos, pero para facer iso non foxen da terra senón que buscan o contrario: xerar emprego en Galicia e contribuír a que o noso territorio escale posicións e figure nos mapas do desenvolvemento tecnolóxico. A este respecto Adrián Rodríguez coméntanos que «a parte comercial faise en grandes cidades pero o desenvolvemento, o marketing dixital, a xestión de campañas… pódese facer dende A Coruña, dende Lugo, dende Almería… dá igual. A era dixital non ten lugares».
Actualmente Vippter supera as 60 persoas no seu cadro de persoal, centralizando as súas actividades na sede de Oleiros.
Este proxecto comezou a captación de celebridades partindo de persoas achegadas e transmitindo a súa boa sona entre as mesmas, de xeito que a satisfacción dos influencers coa plataforma é o principal factor que contribúe a ir ampliando a familia de vippters (que xa supera os 300 membros estatais e internacionais), para o que non deixan de desenvolver novidades, que buscan crear cada vez un maior achegamento aos usuarios.
Concursos máis competitivos
Precisamente para conseguir unha maior participación están a evolucionar actualmente os seus concursos, cada vez máis desafiantes, coa posibilidade de competir nun tempo limitado (contra o cronómetro) ou incluso coa posibilidade de repartir as accións en fases ou xornadas (podendo avanzar nunha clasificación absoluta), mentres se manteñen tamén os sorteos nos que simplemente hai que premer no botón de Participar. Trátase simplemente de enriquecer esta rede nativa de concursos e sorteos que contribúe claramente a incrementar o engagement do público.
Para poder continuar a medrar a bo ritmo xa teñen a vista posta noutras fronteiras. «Vippter ten que ser internacional. Pensouse na súa escalabilidade dende o comezo. Estamos a facer a fase test en España e agora estamos sondando como entrar en Brasil, México, Colombia… e dar o salto a EE.UU. Pero todo paseniño, facendo ben as cousas» – asegura Adrián Rodríguez, quen insiste en que «como galegos sentímonos orgullosos de facelo aquí».
