A alerta de seguridade informática disparada o pasado venres por mor da infección de varios equipos da rede interna de Telefónica por un ransomware rematou converténdose nunha incidencia de escala global que a última hora do venres tiña afectado a preto de 80.000 equipos e que durante a fin de semana chegaría a preto de 200.000, o que levou a Microsoft a adoptar unha medida excepcional: publicar parches de seguridade para versións de Windows sen soporte (que non deberían estar en produción en ningures por seguridade). Así, ata publicaron un parche para Windows XP para a vulnerabilidade que aproveitaba o ransomware Win32.WannaCrypt e as súas variantes.
Microsoft actúa incluso en versión de Windows obsoletas
No blog sobre seguridade de Microsoft dan conta do acontecido, detallando que incluso poñen a disposición do público parches para Windows XP, o primeiro Windows 8 e Windows Server 2003, á vez que destacan que polo momento o WannaCrypt non afectou a ningún usuario de Windows 10.
Tamén lembran que a vulnerabilidade que aproveita WannaCrypt é un fallo de seguridade corrixido no mes de marzo, e que chega con ter instaladas as actualizacións habituais de Windows para estar protexido; Windows Defender tamén incorporou o ransomware para engadir protección adicional contra esta ameaza; e incluso salientan o feito de que a vulnerabilidade en cuestión afecta ao protocolo SMBv1, que mantense no sistema operativo por compatibilidade con vellas redes informáticas, pero que debería terse desbotado hai anos e, de feito, Microsoft leva un par de anos instando aos administradores de sistemas a eliminar o uso do protocolo nas súas redes por empregar métodos obsoletos que supoñen un claro problema de seguridade.
En calquera caso, a entrada de WannaCrypt nas empresas está a realizarse a través de técnicas de phishing, ou sexa, a través de ligazóns en correos electrónicos, polo que un uso responsable dos sistemas informáticos podería ser máis que suficiente para evitar esta ameaza informática.
Enfado de Microsoft
Pero dende Microsoft non só protexen os sistemas informáticos dos seus usuarios, senón que o director do seu departamento legal, Brad Smith, incluso publicou un chamamento pola seguridade en liña, para o que pide accións colectivas e lanza unha seria acusación contra a Axencia de Seguridade Nacional (NSA) dos EE.UU., xa que a vulnerabilidade corrixida no mes de marzo fíxose pública pola filtración de información roubada á NSA, que estaría a empregar este tipo de fallo de seguridade para propósitos de seu, sen advertir aos responsables do software do fallo de seguridade (como sería a súa obriga) de xeito que os servizos de intelixencia dos EE.UU. serían parcialmente responsables da aparición de WannaCrypt, xa que as armas cibernéticas empregadas polos gobernos, unha vez filtradas poden empregarse con impunidade por parte de organizacións criminais.
Smith considera que o acontecido estes días debería facer recapacitar aos gobernos de todo o mundo, para que entendan que o mundo real e o virtual son máis semellantes do que pensamos, e a creación de armas dixitais por parte dos departamentos de intelixencia poden facer perigar a seguridade global da Rede. É así necesario que o sector tecnolóxico, os usuarios e os gobernos traballen xuntos para facilitar a protección contra os ataques cibernéticos.
Resposta do CCN-CERT
Dende o Centro Criptolóxico Nacional e o Centro Nacional de Intelixencia tamén publicaron un informe sobre o WannaCry, dando numerosos detalles sobre este ransomware, que van dende o seu xeito de actuar ata os xeitos de frear a súa propagación, aínda que os consellos que dan non se afastan do xa comentado, xa que practicamente limítanse a recomendar a actualización de Windows para poder gozar dos parches de seguridade oficiais, á vez que tamén recomendan bloquear os portos de SMBv1 (protocolo que a propia Microsoft insta dende hai anos a abandonar).
