A intelixencia artificial de Google DeepMind, AlphaGo, enfrontouse a semana pasada ao mellor xogador do mundo de Weichi (Go), Ke Jie, e conseguindo superar ao xogador humano nos 3 enfrontamentos entre ambos, como xa fixera con outros grandes xogadores o ano pasado, confirmando que a máquina xa non tiña rival humano capaz de facerlle fronte e deixando constancia o avance da intelixencia artificial en eidos moi complexos (o xogo de orixe chinesa é bastante máis complicado que o xadrez).
Ante esta situación, o equipo detrás de AlphaGo decidiu retirarse da competición, e anunciou que como agradecemento á comunidade de Weichi, que colaborou con eles nos últimos anos, publicarán un derradeiro informe académico a finais de ano no que detallarán os avances que fixeron na eficiencia de algoritmos e no potencial deste traballo para atallar problemas máis amplos. Confían en que esta publicación poida axudar a outros desenvolvedores que queiran continuar a traballar co xogo tradicional chinés.
Tamén están a traballar nunha ferramenta para axudar a aprender a xogar ao Weichi, para o que o software analizará posicións e amosará unha panorámica de como ve o xogo AlphaGo, para así contribuír a mellorar neste complexo xogo.
AlphaGo abandona a competición tras demostrar a súa superioridade xogando ao Weichi
Compartir Este Artigo
