O ecosistema dixital da cidade da Coruña está a recibir a un novo axente, a asociación Monkey Laboratory (MOLAB), creada por estudantes de Comunicación Audiovisual e Informática da Universidade da Coruña que buscan formar unha comunidade de persoas con interese en formar parte da industria dos videoxogos de xeito profesional.
No Monkey Laboratory hai estudantes, ex-alumnos, profesores e profesionais, sendo moitas as disciplinas que poden abrirlles a porta ao mundo dos videoxogos, no que non só hai programadores, senón que nesta industria tamén traballan deseñadores, guionistas, ilustradores…
Polo momento esta iniciativa está a artellarse a través dun grupo de Facebook no que se irá dando conta das súas xuntanzas e actividades, aínda que as actividades dirixidas á creación de novos contidos, abertas a quen se queira sumar ao proxecto, non terán lugar ata a segunda metade do ano.
