
Como lembraremos, Conecta Fiction é unha xuntanza do sector (directivos de cadeas e plataformas, produtoras, distribuidoras, empresas investidoras, amais de creadores e guionistas) que vén da man da Xunta, o ICEX España, a Fundación SGAE, a axencia AGADIC e o CLAG baixo a produción de Inside Content. Grazas a este evento, xuntaranse no Gaiás profesionais de ámbalas beiras do Atlántico representando a empresas (produtoras, cadeas, plataformas dixitais de distribución, operadoras) como Arte, Atresmedia, Fox Networks Group, France Televisión, HBO, Mediaset, Movistar+, Netflix, RTVE, RTP de Portugal, Sony Pictures TV, Telemundo, Televisa, Televisión Nacional de Chile, Turner Latin America, TV Azteca e Univisión, entre moitas outras.
Campaña
Volvendo á axenda do CLAG para Conecta Fiction, estreará como dixemos unha campaña destinada a impulsar o consumo do noso audiovisual pola industria estatal e internacional e, tamén, polo público en xeral. A proxección dun vídeo de promoción do sector galego tralo acto oficial de inauguración de Conecta Fiction mércores 21, ás 13.30 horas, servirá para o lanzamento desta iniciativa, nas canles tradicionais e, por suposto, nas redes sociais e en todo tipo de plataformas en liña. Con ela, sinala o Clúster, “quérese mostrar os excelentes recursos cos que contan as empresas galegas na produción de ficción, ademais de poñer en valor o capital humano do que dispoñen, o que fai posible que na nosa Comunidade se poida desenvolver calquera tipo de proxecto audiovisual”.
Como dixemos, entre os días 21 e 23 de xuño tamén se disporá dun Espazo Clúster na feira; un stand situado no edificio do Museo Centro Gaiás que servirá como “paraugas da industria audiovisual galega” e dará visibilidade ao Clúster e as súas empresas, unha alianza “adicada a promover sinerxías, xerar negocios e impulsar o desenvolvemento das firmas asociadas”. Dende este espazo, engade a plataforma empresarial galega, “achegarase aos axentes acreditados no encontro a nova edición do Catálogo de Servizos do Clúster Audiovisual Galego”. Este catálogo, unha escolma de produtos e recursos ao servizo das empresas da entidade, tamén estará dispoñible para a súa consulta na web do Clúster a partir da vindeira semana.
Amais de todo o devandito, haberá un encontro entre asociados e membros das delegacións empresariais arxentina e francesa, previsto para o xoves 22, ás 12:00 horas, no Edificio CINC da Cidade da Cultura. O obxectivo desta xuntanza é fomentar a internacionalización dos socios do Clúster e, tamén, “servir de escaparate de todos os recursos técnicos e de produción dos que dispón a industria de Galicia”. A apertura do acto correrá a cargo de Jorge Algora, presidente do Clúster, e participarán no encontro as compañías e entidades galegas Aeromedia U.A.V., Agallas Films, CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia), CTV, Otiiplanet Group e Portocabo.
O CLAG amosará potencial galego en Conecta Fiction
Compartir Este Artigo
