Hoxe e mañá celébrase en Santiago, no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG) un importante encontro dirixido a mostrarnos unha xanela directa ao porvir da docencia, avaliando polo miúdo o impacto que terán as novas tecnoloxías en todos os elos da cadea formativa. O Congreso O Futuro da Educación vén da man de Igaciencia e inclúe no seu programa unha manchea de relatorios, conferencias e obradoiros sobre a temática do ensino na era da comunicación dixital. Por exemplo a conferencia (mañá) de André Antibi, director do Instituto de Investigación en Ensinanza das Matemáticas de Toulouse (IREM de Toulouse) e coordinador nos últimos 25 anos do Rally Matemático sen Fronteiras (amais de autor de dous libros sobre A constante macabra, en palabras de Igaciencia “unha declaración dos dereitos dos alumnos fronte aos complexos do sistema educativo empeñado en seleccionar xenios escondidos e non en educar felizmente aos rapaces e rapazas”).
O congreso, como dixemos, estará ateigado de charlas e presentacións de proxectos de interese. Por exemplo a iniciativa Novacarta.eu de Igaciencia (celebrando os 200 anos do comezo da Carta Xeométrica de Domingo Fóntán), ou os proxectos Phenologit (unha iniciativa internacional para afianzar nas escolas o estudo da natureza e dos seus fenómenos e características) e Sci AR (para achegar a realidade aumentada ao estudo da ciencia no ámbito escolar) por parte do Centro de Supercoputación de Galicia (CESGA). Amais do devandito, Igaciencia presentará o inventariado de 50.000 topónimos celtas de Galicia e, no plano da robótica, a entidade fará especial fincapé no potencial da robótica educativa con Arduino e no achegamento á Internet das Cousas con Raspberry Pi.
Tamén se dará a coñecer, entre outras cousas, o proxecto gañador do recente certame de Inventa en Galego, a aplicación BiciCoruña desenvolvida por alumnado de segundo de Bacharelato do IES Ramón Menéndez Pidal da Coruña baixo a dirección da profesora Paz Freire Campo: unha app que mostra as paradas de bicicleta da cidade herculina, sinala a súa situación nun mapa e dá información da ocupación dos postos de bicicleta en tempo real. Ademais, permite acceder directamente ás paradas seleccionadas como favoritas.
Igaciencia mostra esta semana os máis destacados esforzos recentes a prol de impulsar a docencia coas TIC
Compartir Este Artigo
