A Internet Association, entidade formada por compañías como Amazon, eBay, Airbnb, Facebook, Google, Netflix, Microsoft, PayPal, Twitter, Spotify, Dropbox ou Uber, está a promover unha campaña para defender a neutralidade de rede que hoxe concrétase nun Day of Action, ou sexa, que durante a presente xornada instan aos cidadáns norteamericanos a reclamar ante a Comisión Federal de Comunicacións (FCC) que se manteñan os principios dunha Internet aberta e competitiva.
Esta campaña busca principalmente bloquear os cambios lexislativos que facilitarían a vulneración da neutralidade de rede ao permitir que os provedores de acceso á Rede puidesen dar prioridade a tráfico de certas páxinas web e aplicacións en concreto, o que supón unha seria ameaza para empresas e particulares, xa que obstaculiza a competencia e restrinxe o acceso a certos contidos (reducindo a súa velocidade).
A neutralidade de rede, que fai que todo o tráfico na Internet sexa considerado do mesmo xeito, está considerada como unha obriga para manter a liberdade de expresión, evitando que os provedores de acceso á Rede poidan bloquear contido do que non gusten ou simplemente fagan que carga excesivamente lento, dicindo adeus a unha das grandes vantaxes que ten a Internet, e dificultando seriamente a creación de novos servizos sen o apoio dos grandes operadores.
Solidariedade dende Galicia
O CPEIG, consciente de que a neutralidade da Rede en Estados Unidos marcará o futuro de Internet en todo o mundo, súmase ao Day of Action e pídelle ás persoas colexiadas que tamén se unan de xeito individual, difundindo esta iniciativa nas redes sociais ou de calquera outro xeito que estimen oportuno.
Vídeo promocional da Internet Association
